MOEDA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O construtor fixo oco ao rosetón que os vidreiros adornaron con todas as colores ata encheren a igrexa de luz tornasolada. Mais tamén era un ollo vixiante de como o ben das almas se poñía alí á venda, e pasaban os dezmos e as primicias que espantaban todo aquel esplendor. Foi el o que rezou para ser fiestra pecha, para non enteirarse de tal mercadoría. Despois caeu na conta de que, como castigo, lle impuxeran de paso fasquía de moeda.

Advertisements

3. POEMARIO

OLYMPUS DIGITAL CAMERACando chegou á adolescencia, sentiu rozar a casca da súa pel de xeito novedoso. E soubo así que o amor se lle achegaba agurgullando como a auga das fontes. Nas tardes de paseo das parellas máis novas notou que aquel amor deixaba cicatrices tamén na súa pel, que co tempo medraban igual que ela medraba, como medraron sempre as cicatrices que vai deixando o amor ata se converter nun poemario.

2. FIGUEIRA

10695151_4675684225767_1221636603_nTivo que estar no chan para cumprir o seu desexo en vida. Na beira da alameda, xa tumbada, fórona transformando o pés dos transeúntes alleos á ambición da afortunada folla de plátano de sombra que sempre quixo ser dunha figueira. Cantas veces as persoas que nos pisan colaboran connosco a conseguirmos soños imposibles. Cantas veces os soños imposibles se cumpren a pesar de que pasou o tempo de que fosen.

“NUMAX”, UN PROXECTO CREATIVO

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
A cooperativa NUMAX -tres mozos e unha moza- abrirán unha sala de cinema no centro de Compostela –rúa Concepción Arenal- a comezos do ano que ven. A capital de Galicia terá a única sala independente do país en versión orixinal grazas a un proxecto dos socios procedentes de diversos ámbitos da creación e a difusión cultural. O grupo conta tamén cunha socia colaboradora técnica, Margarita Ledo Andión, cineasta, catedrática, escritora e académica da RAG, que coa súa achega económica contribúe á viabilidade dun proxecto nado como cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro.

Baixo esta forma legal, nun momento no que cómpren iniciativas persoais e colectivas para que a xuventude formada se dedique a aquilo para o que se preparou en profundidade, xorde un proxecto que combina a apertura dunha sala en versión orixinal con librería de Literatura, Arte e Pensamento, e aínda un estudo de deseño gráfico, comunicación e produción audiovisual. Coa cooperación entre as tres áreas, NUMAX quere facer do seu local un lugar de encontro e intercambio para a cidadanía interesada.

A cooperativa de servizos financeiros Coop57 achegaralles un préstamo de 300.000 €, necesarios para construír, equipar e poñer en marcha o proxecto, se o grupo promotor consegue, con avais persoais de entre 1.000 e 5.000€, a totalidade do importe. Hoxe NUMAX conta xa co apoio de 135 avalistas e 252.900€ avalados. Para o último empurrón, inicia a recollida pública de avais, a través do web http://www.numax.org. onde hai información de como facelos efectivos.

Para esta campaña traerá nos próximos días, en función restrinxida para avalistas, o espectáculo NUMAX-FAGOR-PLUS da compañía de Barcelona Roger Bernat/FFF, boa oportunidade de coñecer o local e saudar o inicio do acondicionamento. O espectáculo cruza a experiencia dos traballadores de NUMAX, retratada por Joaquín Jordà no filme “Numax presenta” en 1979, coa dos traballadores de FAGOR, tras a creba da cooperativa de electrodomésticos que puxo na rúa a 1.800 traballadores a finais de 2013. Será a estrea en Galicia, en función pensada especialmente para esta sala, logo de pasar polo KunstenFestivalDesArts de Bruxelas, o Festival Grec de Barcelona, o Festival Mladi Ievi de Liubliana e xusto antes de presentalo no Festival Temps d’Images de París.

Publicado en El Correo Gallego (12-09-14)

 

SENTIDOS

IMG_4531Se a mañá me parecía tocada nun piano por señardosa, oio a noite executada nun violoncelo que sementa buguinazos entre a brétema do océano. Podo explicar a vida con música e aromas. Os ollos non son máis que os encargados de volvernos a unha realidade máis complexa, pero non máis ricaz. Nos sons e nos olores vive todo. Seica aos mortos tardan en desactivárselles esas percepcións da memoria, tanto que son recordadas polos ósos. ¡Pobres dos ósos que recorden perdidos o son dun disparo e o cheirume da pólvora.

1. CRUCEIRO

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Xeralmente atópase nunha encrucillada de camiños.

Perdeu totalmente os valores estéticos e simbólicos, así como a nobreza do material de construción e a independencia do contorno, ao que está suxeito por unha arañeira cableada de gran distancia.

Gañou en claridade, axilidade e eficacia no envío das mensaxes, así como na precisión dos seus destinatarios, servíndollelas a domicilio para que non teñan que desprazarse a visitalo.

SE O PORCO NADARA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Alangreaba por catar unhas anguías e o outro día ofrecéronmas de tapa. Era moito máis do que esperaba, pois viñan fritas con unto que se lles nota na textura da pel. En canto ao sabor, son outras anguías, as que abondaban antes de deter os ríos, imposibilitándolles o tránsito da reprodución, e desecar parte de lagoas, como a de Cospeito, para alugar terra a colonos. Alí morreron a milleiros.

Non imos facerlle unha louvanza ao porco ao estilo Picadillo, pero si renderlle admiración a pesar do descreto no que caeu –en quitando o xamón- para os moi mirados, en parte, co que comen. Tras do vello dito de que a carne de ave sería a mellor se o porco voase, ímolo reconciliar cos peixes que atopaba non hai tanto tempo. Se o porco nadara, consumaría de novo un casoiro gastronómico magnífico con habitantes dos ríos, das rías e aínda do mar.

A parte utilizable do porco neste intercambio non se considera nobre. Polo contrario, está desprestixiada ata no uso que lle é máis propio: o caldo. Falamos do unto, a graxa que se coloca recén extraída do interior do bandullo en capas apiladas con abondoso sal groso polo medio e que ao seu envoltoiro se lle dá forma de rolo ou bola que acaba secando ao aire ata acadar un punto de rancio que proporcionará un aroma inconfundible, ademais dun sabor único. Nacido para o caldo e a cocción de verdura de folla ancha, ten tamén o un bo uso na tixela que, canda o da manteiga, foi moi popular na nosa cociña antes da xeralización do uso do aceite.

As troitas e as anguías saen moi melloradas na fritura se se lle engade á graxa vexetal unha pequena porción de unto do que se retiran os restos cando está ben esturruxado. O ingrediente non só lles aporta un aquel de crocante á pel, senón que se transfire axiña á carne do peixe.

Este sería o paseo polos ríos, mais pode chegarse ao mar deténdose nas rías. Na de Arousa, usábase o unto –e aínda se usa onde venceron a prevención contra a graxa de porco controlada- para fritir as sollas. Tamén neste caso o porco préstalle un cambio de sabor a este peixe plano moi propio do consumo local. Adentrándose no mar o porco amigará tamén coa raia, outro peixe moi agradecido ao engado dunha das nosas graxas características. E meténdose en máis fonduras, hai un guiso de pinto que moito o estima, aínda que neste caso non vai na tixela, senón na pota da caldeirada, tal como se lle bota ao caldo.

Publicado en El Correo Gallego (05-09-14)