TEMPO DE VENDIMA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Galicia é terra de viño, hoxe de bo viño. Sempre foi terra del, aínda que o “viño da terra” era de menor calidade que algún que xa tiña renome, como o do Ribeiro e algo menos o de Chantada, entre os tintos, que circulaban no mercado con máis habitualidade. Nos tempos da autarquía, plantábanse cepas onde o clima ou algún microclima o permitían. Mesmo na comarca dos Ancares cultivábase a viña nos concellos de Cervantes (Dumia, Rionaval…) e Becerreá (Quintá de Cancelada, Balaxaz…). Naquelas terras, tamén se producía aceite, que hoxe parece imposible, pero así foi. A este viño da terra pouco se lle esixía igual que á augardente que procesaban as alquitaras. Era un viño agre, pero “deixábase beber”, como dicían os consumidores. “Hai viño a Dios dar, un viño/ do Ribeiro que é canela;/ e para a xente de menos/ haino tamén do da terra,/ un pouco agriño, mais fresco/ e sabroso como fresas”. (Rosalía).

Desde as ribeiras do Sil, chegaron a Roma os mellores viños, os de Amandi. As beiras do Miño e do Sil, hoxe Ribeira Sacra, foron terra de cepas plantadas en socalcos de sostén para aproveitar as costas do sollío. Parte destes viñedos acabaron asulagados polos catro pantanos construídos entre os anos 50 e 60 sobre ambos ríos: Belesar e Os Peares (Miño), e San Pedro e Santo Estevo (Sil). Unha década máis tarde, tamén se sumiron nas augas estancadas da presa de Albarellos moitos viñedos das ribeiras do Avia. Foron tempos difíciles para o noso pobo, porque os beneficios orixinados coas perdas da terra e dos habitantes dos pobos inundados non reverteron debidamente en Galicia nin sequera na electrificación tardía do rural.

Cando os pantanos perden moita auga, reaparecen nas orixes as cepas e os socalcos intactos, incluídos os pasadoiros, pedra a pedra, e as casetas de gardar. Poden verse tamén algúns poboados, porque a auga estancada non se move e non falta unha tella. Estes días, encima dos socalcos xeométricos e as casetas que escondeu a auga e saíron á luz como fantasmas, vese a ladeira completa cos vendimadores faenando nas plantacións superiores e os coches de recollida. Na zona de Ponte Mourulle, onde o Miño separa os concellos de Taboada e O Saviñao, pódese gozar desta visión dunha das zonas vitivinícolas galegas que máis esforzo fixo pola conservación, modernización e calidade dos seus viños xa internacionalizados.

Publicado en El Correo Gallego (03-10-14)

Advertisements