RETRATO LITERARIO DA AVOA HELENA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Coa mirada algo perdida, como vagando por Pumarín de Cancelada á busca do meniño que deixou no berce para ser alimentado pola vaca, Helena amostra a súa beleza de muller aínda nova. Nacera en 1872, casara con Secundino aos 20 anos e tiña agora 34. A súa figura está coroada pola cofia branca. De adorno só leva pendentes cunha perla colgada en bonito contraste co negro dun vestido que se adiviña de seda. Sobre o vestido, un cinguideiro branco, fruncido, que tapa a parte anterior da saia, orlado dunha franxa de tela dobre unida por piquillo de dente ancho. Tamén son brancos o colar e os puños, todo con festón e almidonado. A bolsa grande fruncida por un cordón con lazada cólgalle do brazo esquerdo, dobrado para a soster. No momento da foto está baldeira.

Ao seu lado ten a criatura allea que atetaba de pé sobre unha mesiña. Sostena pasándolle o brazo dereito polo van. É nena ou neno, que a vestimenta e o peiteado non adoitaban facer distincións de xénero, e pouco máis terá do ano.

A foto permite distinguir un busto xeneroso que contradí o refrán da comarca ancaresa que se lles atribuía tamén ás mozas: “Vaca de Cancelada, moito ubre e pouca canada”. Porque ela era boa alimentadora. Cinco veces deixara o froito do parto para ir criar a Madrid, sempre onda a mesma señora. Arredor de dous anos máis tarde, volvía cuns cartiños e un baúl de roupa de segunda man para a rolada, a familia e a casa. A foto é a da última vez que servíu de ama de cría, aínda que parise cinco veces máis, Para a súa desgraza, eses ollos errantes verían morrer sete fillos moi novos, o último asasinado no 1936 con só 17 anos.

Polas dificultades do parto, o neno da foto sería o derradeiro da señora, que quixo premiar daquela a fidelidade da ama de cría. O día que a fixeron, viña de lle ofrecer, para o seu home, o posto de porteiro do edificio, que era de propiedade da familia. Helena recibiu a noticia como unha benzón. Na portería poderían instalarse todos e o soldo do que falaran ata lle parecera esaxerado. A señora escribiulle, coma sempre, a carta na que lle daba a noticia a Secundino para que fose probar novo oficio, que os del viñan sendo de xastre e de gaiteiro.

Chegou a Madrid case un mes despois. Viu a portería, sentouse tres días no punto de mira e atención que esixía o traballo e considerouse preso. Falou coa muller e díxolle que lle sería imposible afacerse. De nada valeron nin as peticións dela nin a mellora de oferta dos señores. Volveu para Cancelada libre como un reiseñor.

Esta foto viaxou uns meses máis tarde no baúl do regreso definitivo, envolveita en papel de seda. En Pumarín foi para a caixa onde estaban as catro anteriores, unha con cadanseu meniño. De cando en vez Helena abría a caixa e miraba para os cinco. Case lle eran fillos, pero nunca os volveu ver nin saber deles.

Publicado en Letras nómades – Experiencias da mobilidade feminina na literatura galega,  Ana Acuña (ed.), 2014

Advertisements