ENCONTRO COA HISTORIA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
O outono vaime pondo excusas para me levar ás colas dos pantanos que recúan pola estiaxe. A última destas paraxes que afunden e afloran de xeito interestacional está na Serra do Xurés (baixa Limia). A visita ao encoro das Conchas foi no transcurso dunha das excursións do Ateneo de Santiago para facilitar a convivencia cultural dos ateneístas. Alí agardaban os restos do campamento romano Aquis Querquennis, de entre os séculos I e II, solagado polo Limia en 1947. Sabíase del porque Florentino López Cuevillas fixera as primeiras excavacións nos anos 20, pero en Galicia os encoros camiñaron auga arriba enterrando o que atopaban, tanto o presente como os vestixios do pasado. Cando Fenosa autorizou excavacións, a partir de 1975, recuperouse en parte un probable campamento construído para vixiar a “Vía Nova” que comunicaba as Augustas Brácara e Astúrica. O estado de conservación da parte excavada permite constatar a súa importancia e emocionarse co esqueleto do tempo que o encoro deixa ver uns meses ao ano. Sobre as paredes máis próximas á agua, algún bañista tiña roupa a secar e máis arriba, continuando o camiño da entrada, outros aproveitaban, combinando ao gusto a temperatura da auga, as vellas caldas que os romanos, afeccionados aos baños comunitarios, tiñan establecidas no campamento.

Naquela contorna consérvanse mostras arquitectónicas doutros momentos da historia, como a igrexa de Santa Comba de Bande, da época suevo-goda. Con columnas interiores procedentes dun templo romano, capiteis tardorromanos nos que se montan arcos de ferradura, unha xanela pechada con fermosísima celosía de mármore na ábsida e pinturas murais engadidas no século XVI, é unha xoia de singular valor. As proximidades de restos romanos levaron tamén ata ela unha ara e un miliario co que se construíu a pía bautismal. Xa en Celanova, hai outra alfaia de arte mozárabe, a capela de San Miguel, oratorio exento para que os homes e mulleres da familia de San Rosendo rezasen xuntos, que está incluída no mosteiro. Arrepía saber que este gran mosteiro, desamortizado en 1837, foi presidio e campo de concentración de milleiros de presos e paseados entre os anos 1936 e 1943. E aínda nos encontramos coa actualidade poética de Manuel Curros e Celso Emilio Ferreiro, e cos irmandiños ao pé da Torre de Vilanova dos Infantes.

Publicado en El Correo Gallego (10-10-14)