AS LANCHAS DO XEITO

OLYMPUS DIGITAL CAMERAA Xeiteira no porto de Setefogas (Rianxo)

Na praza de abastos de Rianxo aínda hai xoubas. Pregunto pretendendo saber se están graxentas e en boa comida e responde a peixeira que non son do xeito, a sabendas de que llas vou dexar se me di iso. Pero ela non engana á vella clienta. O pequeno incidente foi quenm me revelou que 116 embarcacións rianxeiras que usan esta arte non poderán saír de pesca por teren cuberto o cupo europeo.

O xeito é a máis antiga das artes e a menos nociva para as rías, que é o contorno no que faenan. E é Europa quen non lles permite traballar a estes mariñeiros. Cando tanto se fala de soberanías nacionais e de quen as debe exercer, parece imposible que sexa Europa quen goberne as rías galegas, pois estas lanchas móvense dentro das augas máis propias. E Rianxo ten na xouba, e na sardiña en todas as medidas legais, unha boa fonte de ingresos de abril a novembro, pois é ben coñecida a excelsa calidade do produto. O xeito permite que xoubas e sardiñas cheguen aos consumidores nas mellores condicións, pois a rede vertical dun só pano atrápaas individualmente deixándoas presas pola cabeza en cadenseu buratiño do que deben ser manualmente extraídas unha a unha. Se o lance é da “luzada”, é dicir, se foron collidas no amencer, están como vivas e o sabor é exquisito como o do mellor marisco. Ata hai pouco, as mulleres dos mariñeiros poñíanas á venda no Paseo da Ribeira, talmente para a hora do xantar, tapadas cun pano branco e coidadas como o delicado produto gastronómico que é. O outro lance é o da tardiña polo que as xoubas deben estar unha noite recollidas. Aínda así, os peixes son extraídos da maneira na que menos afectada se ve a súa carne, moi sensible a calquera mazadura. Son as sardiñas que garanten, por exemplo, a semiconserva local en zume de limón.

Afectados son tamén os mariñeiros de Cabo de Cruz, quen por rivalidade comprensible, inventaran a copliña: Aí veñen as lanchas do xeito/pescando sardiñas a eito,/ e van cara á banda do mar/ porque os de Rianxo non saben pescar. Este colectivo ten recollida de firmas en Change.org para pedir que Bruxelas non prohíba o xeito a partir do próximo un de xaneiro, tal como reflicte o documento enviado ás confrarías o 22 de maio, para as alegacións. Porque periga o traballo dun milleiro de familias de armadores e mariñeiros que se dedican exclusivamente a pescar sardiña e xouba nas augas interiores da ría de Arousa.

Publicado en El Correo Gallego (17-10-14)

Advertisements