EXPOSICIÓN DE FRAN LAREO

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Fran Lareo ten unha mostra da escultura no Salón de Ámbito Cultural de El Corte Inglés de Compostela ata o 15 de novembro. Fran Lareo é atodidacta, se pode haber autodidactas nun mundo no que nos asalta toda clase de información, pero ten preparación profesional en informática que lle permite a primeira aproximación virtual a cada unha das pezas que vai realizar a súa paixón creadora.

No desenvolvemento deste escultor hai, de momento, dúas etapas marcadas polos materiais susceptibles de recibiren formas e colores. O traballo en diversas madeiras (carballo, faia, sapelly…) nunha colección de 47 pezas acabadas con decoración de pintura ou pirograbado. Neste primeiro escultor xa están as características definitorias do artista: dedicación exclusiva ao pequeno formato; certa aparencia naíf das súas figuras baseadas en debuxos, esquemas e bocetos en soporte dixital de software libre, e a investigación permanente de novas formas ata o punto de que o seu taller de Brion é un auténtico laboratorio de formas.

Nunha segunda etapa, a máis prolífica e á que hoxe está dedicado, pasa a modelar con remate de talla, para o que utiliza material propio que resulta moi sorprendente á vista. É unha especie de pedra artificial conseguida con mestura de elementos naturais á que se pode dar forma e completar cun rechamante acabado cromático e cubrir con verniz. Estas novas estatuíñas expresan o universo artístico do escultor con formas de carácter realista, simbólicas ou abstractas. A policromía de gama cálida que reciben no seu acabado engádelle ao volume, predefinido polas formas, o valor pictórico con achados moi estéticos que ás veces axudan a completar o significado da peza. As pequenas esculturas son construídas sen molde, polo que son únicas e irrepetibles.

Fran Lareo ten presentado numerosas exposicións individuais e participado en moitas colectivas. É frecuente ver tamén obras súas en actos que se convocan arredor da arte para fins solidarios. Tamén atoparemos pezas súas colocadas en diferentes espazos e museos variados de Galicia. Acadou xa proxección internacional, pois a súa obra saíu fóra de Galicia e de España, chegando ata París ou Lisboa. Desde hai un tempo ten unha exposición virtual na web da asociación italiana Creativitá que se dedica a difundir obras de arte plástica no mundo.

Publicado en El Correo Gallego (07-11-14)

Advertisements