BECERREÁ É NOTICIA

734633_324379427678566_1982912408_nImaxe da páxina de Facebook, Salvemos a casa de Luís.

 

De Becerreá, a capitalidade da comarca dos Ancares, fálase pouco no medios. Na vila que se foi colocando ao longo da N-VI, nas proximidades da ponte de Cruzul onde foron vencidas as tropas napoleónicas e nun lugar que antes se chamaba A Barreira, case nunca pasa nada de interese para o país. Na década dos noventa foi noticia polos movementos sísmicos que fixeron tremer aquel territorio asentado nunha falla. “Esta noche tembló el mundo”, deixou escrito o prior do mosteiro de Samos en 1616, o que confirma o triángulo de epicentros na contorna xeográfica do que foi Partido Xudicial de Becerreá. Ao lado da vila pasa a liña imaxinaria que deslinda o útimo aciñeiral de Europa. Alí o terreo é calizo con covas de estalactitas e estalagmitas visitadas polos rapaces nativos xa de vello. A máis grande é a do Valdavara con importantes restos prehistóricos que falan, na linguaxe dos fósiles, do tempo que houbo antes dos tempos con restos ben conservados dos seus primeiros habitantes humanos. Isto tamén saíu nos medios. A penúltima irrupción informativa aconteceu vai facer dous anos cando a veciñanza se constituíu en piña para defender a casa dun veciño, parroquiano de Lamas, contra un derrubo que consideraban inxusto.

Porque non hai dúbida de que a vila de Becerreá é solidaria. E así o vén mostrando co seu cariño para Teresa Romero, a sanitaria vencedora do ébola. Desde o momento en que se filtrou o nome da enferma e se localizou en Becerreá a súa veciñanza –que resultaría unha información a medias porque quen vive alí é a súa familia- a vila saltou aos medios de comunicación preocupada e o barrio de Trascal converteuse en lugar de cita informativa e de apoio. O Concello, por medio dos seus representantes, alzou a voz para pedir informacións fiables nun momento de máxima confusión ante o medo que a palabra ébola provoca na poboación dun mundo privilexiado que se cría libre destes males. A partir deste momento, Teresa pasou a ser unha becerrense máis e os veciños celebraron con xúbilo a recuperación da súa saúde. O Concello esperaba recibir o seu placet para nomeala filla adoptiva. A súa presenza nun magosto esta fin de semana, no que foi recibida con apertas e aplausos, facilitou a consulta á que ela respondeu tamén con xenerosidade. Teresa Romero será axiña filla adoptiva da vila ancaresa na que non pasa nunca case nada.

Publicado en El Correo Gallego (14-11-14)

Advertisements