AS BOLBORETAS MIRABAL

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Apróximase o 25 de novembro, día elixido para loitar pacífica e contundentemente contra a violencia mundial coas mulleres, unha das grandes lacras da humanidade. A data foi elixida para conmemorar a morte das irmás Mirabal -Patria, Minerva e María Teresa-, tres activistas brutalmente asasinadas en 1960 por orde do gobernante dominicano Rafael Trujillo (1930-1961). Estas mozas eran coñecidas como Las Mariposas, porque Minerva, probablemente a máis entregada á loita contra a ditadura, tiña ese nome de batalla. Elas foron asesinadas por un ditador, pero hai milleiros de milleiros de mulleres asasinadas polo poder, polo home, polo noivo… Violadas e violentadas por familiares, amigos, compañeiros, coñecidos ou descoñecidos… Explotadas por empregadores que lles cercenan os dereitos elementais desde a igualdade de salario ata a o freo da maternidade se a desexan… Mercancía da trata no mercado carnal e non precisamente alimentario… Atemorizadas e mutilidadas por crenzas que as consideran humanas de segunda clase… Perseguidas pola pobreza e os perigos do parto vendo morrer de fame ou enfermidades endémicas as súas criaturas. As mulleres foron as grandes sufridoras da historia e seguen a selo no contexto actual.

Hogano, ese día inaugurarase na capital lucense, en acto público do Concello de Lugo e da Deputación Provincial, un monumento ás tres mulleres, que representan a todas as sufridoras de violencia. “O voo das bolboretas”, un proxecto da artista Luz Darriba co que colaborou o artesán canteiro Xabier Quijada, é unha escultura en granito moreno da Terra Chá que conxuga a fraxilidade da bolboreta coa fortaleza da pedra, mostrando que a fráxil bolboreta pode ser forte como unha mole pétrea de tres toneladas e emprender o voo de liberación deslixitimadora da violencia. Di a artista que, como na extraordinaria metamorfose dos lepidópteros, as mulleres poden pasar de eirugas asoballadas a adultas voadoras a salvo dos persecutores. Este monumento estable ás irmás Mirabal, posiblemente único no mundo, completarase cunha acción cooperativa que irmanará Lugo con poboacións arxentinas. En todas elas encheranse prazas con gran diversidade de bolboretas, amanuadas por asociacións e particulares, que denuncien a violencia contra as mulleres e proclamen tamén a esperanza do seu fin.

Publicado en El Correo Gallego (21-11-14)

 

 

Advertisements