A CRISE DA PALABRA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Nas épocas de crise a primeira sufridora é a palabra. A palabra empeza a descompoñerse xa nos prolegómenos ou preparación desea crise anticipándose e abríndolle camiño. A palabra, as palabras, prostitúense ata incluso tomar un significado antónimo do que esencialmente teñen. Son elas as que veñen achandando o terreo, poñendo a alfombra vermella para que as crises entren elegantes no escenario deixándonos á maioría como testemuñas dun espectáculo interactivo que proporciona moita dolor a quen as padece. Para que prosperase o negocio da construción, que acarreu con el corrupción e consumo provocado por quen necesitaba negociar con hipotecas que hoxe permite lanzamentos á rúa de milleiros de persoas desvalidas, instalouse un vocabulario de progreso para estragar as nosas poboacións, nomeadamente as vilas. O adxectivo antigo, para designar as casas e os barrios, foi substituído por vello. Casas e barrios acabaron dando paso a edificios que desfixeron o noso equilibrio arquitectónico e paisaxístico.

Viaxando por Europa, hai pequenas cidades fermosísimas que conservan as construcións antigas, consustanciais á súa valiosa fasquía lucindo o século no que foron levantadas. Constitúen núcleos históricos onde a peonalización é un valor fundamental para manter o nivel de vida dos seus habitantes que saben que, ben regulada, non diminúe nin a potencialidade comercial nin os servizos. O curioso é que a nosa cidadanía, inmersa neses núcleos de poboamento estragados por grandes edificios tan pouco harmonizados co seu contorno, poida pensar que a paisaxe urbana máis civilizada e valiosa é a nosa porque conseguíu desfacerse das pedras herdadas, incluídas as construcións da arquitectura popular.

Esta descomposición da palabra antiga para designar o que xa non serve en lugar de valorar a carga de autenticidade que vai deixando a herdanza cultural, sexa material ou non, tamén a padece a lingua, cando non se valora como como un ben de herdanza milenaria e cohexión dunha sociedade á que lle permite comunicarse, ademais, con douscentos millóns de habitantes do planeta. Pero quizabes, o termo máis devaluado co que bregamos hoxe é democracia. A tan nobre palabra atribúenselle un significado tan antitético que os demócratas son os sospeitosos de manexar as vontades dos demais a discreción.

Publicado en El Correo Gallego (29-11-14)

Advertisements