NADAL AUSTERO

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O mes de Nadal dispara o consumismo, maquinaria que foi creando o capital para aumentar os beneficios e que nos somete como ningunha outra aos seus decretos. O mecanismo de consumir parece un castigo bíblico que se ceba precisamente no mes sinalado pola liturxia crisitiá para celebrar o nacemento dun neno desafiuzado das posesións mundanas cuxa nai non atopou lugar para o parir e acabou nacendo de ocupa nun pendello. De como a sociedade pasou a converter ese día, colocado onda o solsticio de inverno, e as outras festas pagás tamén cristianizadas arredor do cambio de ano que conmemoran o nacemento daquel meniño, é unha mostra do rumbo que tomou o mundo esbrollador no que vivimos, dos poderes da publicidade para fortalecer o gasto e do pouco respecto que nos merece un planeta que habitamos cos recursos e capacidade de rexeneración limitados. Tamén é unha mostra da gran fenda entres os que máis teñen e os desposuídos.

O mecanismo desencadéase como premendo un botón. Co axioma de que a xente ten que ser feliz no tempo de Nadal, hai que poñela alegre. A felicidade é luminosa e é necesario encender a luminaria que as institucións estenden polas rúas. E tamén se prende nos arredores das grandes superficies e lugares que esperan transacións económicas. É unha felicidade inducida que se estimula vendendo perfumes, alectrodomésticos, tecnoloxía punteira, gastronomía exclusiva, moda, viaxes exóticas, macrofestas de etiqueta… Arredor da felicidade anda a economía que, lamentablemente, traza un círculo vicioso. A xente ten que gastar para que outra poida comer. Cando perdemos o sentido no consumo, a maquinaria económica xa é imparable. Ben sei o caos que suporía que neste tempo non houbese actividade comercial, pois debe circular diñeiro para que non periguen máis postos de traballo. E, sobre todo, para que resista en pé o pequeno comercio, tan precisado dos nosos apoios para poder subsistir. E non esquezo a artesanía feita por autónomos que producen marabillas nos seus pequenos obradoiros. Elas e eles teñen todo máis difícil, como pasa con todos os artistas, que son dos profesionais máis castigados coa crise devoradora de salarios. Cos nosos gastos comedidos podémolos axudar e moito. E creo que tamén debemos comprender a actitude daqueles Concellos que mostren o sentido de ter un comportamento austero.

Publicado en El Correo Gallego (12-12-14)

Advertisements