A LINGUA QUE ESMORECE

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Publico nun blogue un decálogo para achegar a infancia á poesía, xa que a palabra poética é unha eficaz ferramenta educativa. Aos poucos minutos é compartido por un poeta portugués que o introduce con este texto: Da Galiza, chega-nos este blogue que trabalha na ligação infancia-poesia (procurar músicas e palavras para manter perto o ritmo cardiaco do coração da mãe e potenciar a percepção da linguagem ritmica). Galicia ten un idioma configurado polo pobo co que interactuar doadamente con douscentros millóns de falantes. Este feito sobranceiro distínguea das outras linguas do estado diferentes do castelán, que non obstante gozan hoxe de ben mellor saúde. A nosa lingua esmorece, a pesar de ser internacional e de que tiña, aos comezos da cooficialidade garantida pola Constitución, o maior número usuarios.

Estes días saíron á luz datos do seu uso polos novos. E non só do se uso, que é un feito voluntario, senón da competencia estipulada por Lei. Ao final dos niveis e das etapas educativas, o alumnado de Galicia debe posuír un dominio parello das dúas linguas oficiais. O normal sería termos pedagoxías diferenciais compensatorias segundo o punto de partida de cada alumno ou alumna: quen máis ensino precisa é quen non o sabe. Pero o único idioma no que adquiren todos certa competencia é o castelán e ata poida que agora o inglés, metido a saco entre as linguas oficiais. O monolingüismo castelán do 22% de escolares de entre 5 e 15 anos indica que o sistema educativo vai errado se non persegue ese resultado. Ata a Administración di estar descolocada pero o feito sabíase de antemán. Só facía falta unha avaliación independente. Nada pasa por casualidade

Ao desleixo da maior riqueza cultural que herdamos co deber moral de deixalo en herdo, conflúen moitos factores. As familias impoñen a lingua, como o nome ou as crenzas. Por iso é ben difícil que a prole deixe de falar cos seus o idioma que mamou. A socialización nas linguas xa é cousa da escola e doutros contextos. Pero en todos os ámbitos é decisivo o papel da Administración que ten enconmendada a protección do idioma propio. Ela é quen debe tutelar o dereito á aprendizaxe, empezando por dar unha exemplaridade absoluta de que o galego é un ben útil para a súa sociedade e unha lingua de oportunidades para o futuro. E isto inflúe positivamente na transmisión familiar.

 

Publicado en El Correo Gallego (19-12-14)

Advertisements