NADAL, TEMPO DE MESTURA

PC160504f
Unha das representacións do Nadal é o belén, adaptado á nosa xeografía tentando reproducir as escenas dos Evanxeos. Ten procedencia urbana, mentres que o noso Nadal antropolóxico se fundamenta en cantos e costumes. Por iso en vilas e cidades, avoas e avós compracentes, nenos e nenas entusiasmados e quen ía podendo botar unha man buscaban o que quedara do ano anterior e recollían mofo como se o territorio orixinal fose pradería. Cacheábase o papel de prata dunha libra de chocolate para facer un regato e buscábanse serraduras para simular tamén un deserto. Había que poñer palla no pesebre e un castelo de cartón para que reinase Herodes. Con algún representante da milicia romana ao lado, adoitaba estar nun monte de pedras amoreadas. Non podía faltar fariña, que parecía neve. Así, facíase cadrar todo e todo cadraba.

IMG_3533e

Galicia ten pequenas paisaxes que recordan aqueles territorios de ficción. Poñerei sempre o exemplo de Cruzul, no que nos inspirabamos para facer o noso. En canto á poboación rural, tiña cantos comunitarios para os feitos que se concentran nos quince días que constitúen as festas. As panxoliñas e os cantos de Reis –Os Reises- cantábanse polas portas da veciñanza, as veces levando o Meniño Xesús nunha cestiña, para pedir aguinaldo a cambio. Xeralmente eran chourizos novos que estaban no fumeiro. “Víndenos abrir a porta,/ sacainos desta xiada/ que aquí traguemos o Neno/ nunha cestiña de palla./ Se van ao fumeiro/ imos contentiños,/ ímonos cantando co noso Meniño…”. O noso folclore de Nadal é moi rico e variado. Vilancicos galegos, e aínda estrofas populares das que vimos de falar, foron incluídos na música da Catedral de Santiago e chegaron a cantarse en Andalucía.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

A este Nadal fóronse unindo manifestacións de diversa procedencia, como a árbore con luces e adornos, de orixe telúrica e estacional, xeograficamente moi próxima a nós por compartirmos un parecido inverno e un vello culto ás arbores. Hoxe nas nosas aldeas habitadas colgan xa nas fiestras a escada de Noel, personaxe que formaba parte do mito do solsticio de inverno e o cristianismo sincretizou nun bispo chamado Nicolás ou Claus. El anticipa os agasallos que traen os Reis. Nas casas non falta unha maceta de Euphorbia pulcherrima, chamada vulgarmente Flor de Pascua, que procede de América. O tempo de Nadal é unha mestura.

Publicado en El Correo Gallego (26-12-14)

Advertisements