ISIDRO PARGA PONDAL

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
A lingua de Galicia ten na Universidade un ínfimo papel como lingua científica. A conclusión tírase dun estudo encargado pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística do Sistema Universitario de Galicia, que foi coordinado pola profesora da USC Alba Nogueira coa colaboración de Iñigo Urrutia (Universidade do País Vasco) e Eva Pons (Universidade de Barcelona). Por iso ven de remitirlle ao Ministerio de Educación dúas propostas, asinadas o pasado venres polos reitores galegos, de potenciación do uso e o recoñecemento dos idiomas cooficiais nas publicacións científicas, pedindo que se modifiquen os criterios de avaliación para que as contribucións do coñecemento científico redactadas nas linguas distintas do castelán e o inglés sexan visibles tamén nos procesos de avaliación da actividade investigadora. Propoñía tamén a tradución/publicación de monografías científicas, recomendando á Xunta apoio económico para un grupo seleccionado de publicacións que usasen o galego, un xeito de divulgar o coñecemento científico a través dunha lingua que debe asociarse aos rexistros de prestixio. A Universidade galega é a que debe dar cabida cabal a lingua. De non o conseguirmos, de pouco vale o seu estudo testemuñal nas Universidades de fóra. Urxe unha ciencia galega e en galego, precisamente cando os investigadores novos ven os camiños pechados no seu país e a lingua non ocupa o espazo razoable nos usos universitarios e nas publicacións científicas.

Neste contexto aparece Galicia ten un referente: Isidro Parga Pondal, de Ricardo Gurriarán, libro editado para divulgar o coñecemento deste empresario investigador ao que o Foro de Peinador lle dedicou en 2014 o DÍA DA GALEGUIDADE EMPRESARIAL. Parga Pondal sufriu a depuración franquista na Universidade de Santiago, onde era un profesor de valía. Tamén un empresario “precursor da aplicación da ciencia á industria mineira galega”. O seu nome uniuse neste século á investigación facéndoo epónimo dunhas bolsas posdoutorais semellantes ás que no Estado levan o nome de Santiago Ramón y Cajal. O próximo 15 de xaneiro acabará a homenaxe ao profesor e empresario coa colocación do seu busto no vestíbulo da Facultade de Química da USC. Que a súa presenza augure o pulo da ciencia galega e en galego, e o uso da lingua noso polo empresariado.

Publicado en El Correo Gallego (02-01-15)

Advertisements