RECICLAR PAN DAS SOBRAS

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
As alteracións da mesa destes días no número de comensais e nos hábitos diarios acarrean sobras que hai que aproveitar. Nada comestible debe ser tirado, por respecto á terra, aos que traballaron para producilo e aos máis necesitados. Se non se pode traspasar a alguén que o necesite, eu véxome na obriga moral de aproveitalo. Aprendido de nena que viviu a escasez, non o vou esquecer cando máis conciencia social e ecolóxica levo acumulada.

Para case todo vou atopando lugar e uso, pero o pan é quen máis me provoca a imaxinación, porque nos vemos obrigados a comer un produto de escasa calidade que, non resistindo a proba do “deloutro día”, xa non paga a pena de o conxelar para o compango.

Merquei un trebello para o relar, pero dá moito traballo e pouco rendemento. Desbotada esa opción, e como o pan do que falo endurece –outro vólvese goma, que aínda é peor-, para algunhas cousas hai que deixalo disposto antes de o gardar dous ou tres días. Ademais de utilizalo para tostas ou para os clásicos pudin e tortilla doce, eu dispóñoo para estes usos:

-Picatostes 1. Para acompañar chocolate ou café con leite: partido en tiras que á hora de usalo se humedecen con auga un pouco salgada -se non hai problemas co sodio-. Frítese ou pásase no forno e cóbrese de azúcar.

-Picatostes 2. Para acompañar sopas, purés de verdura ou de legume -garavanzos, fabas e lentellas-. Pícase en taquiños e dáselle o mesmo tratamento que aos anteriores, suprimindo o azúcar.

-Sopas de allo. Fanse rafas finas. É ideal para usar o caldo de escorrer calquera clase de col na súa cocción, que mellora moito o seu sabor.

-Espesante para callos. Fánse rafas finas. Engádense aos callos canda os garbanzos. É un espesante moi sabedor.

-Falsa pizza. Fanse tostas dándolles algún corte para que poidan unirse o máis posible. Colócanse nun molde ao uso e bótaselles salsa de tomate caseira. Colócase encima todo o que pode levar unha pizza e nos guste. Dánselle uns minutos de forno para que queza o pan e gratínase ao gusto.

-Albóndigas. Pícase miudiño e pode secarse. Se fose así, hai que remollalo en leite desde a véspera e incorpórase ao picadiño de carne. Dálles unha textura moi especial.

Este foi o noso xantar de hoxe: albóndigas de carne de xato e porco con pan amolado en leite desde onte á noite, cociñadas en salsa de verduras e con cachelos á moda dos Ancares.

Advertisements