TEATRO DA RÚA: NA BOTICA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

 

Unha botica de vila.
Dúas fileiras de clientes ante dúas pantallas de ordenador mostrando as ordes de emisión de receitas.
Nunha das filas chega a quenda da muller vella que está diante de min.

BOTICARIO: Bos días!
ELA (entregándolle a tarxeta): Bos días! Míreme, se fai o favor, cantas me quedan.
O BOTICARIO: Pois quédanlle tres. (Cita o nome dos medicamentos, todos descoñecidos para min).
ELA: Pois levareinos logo.
O BOTICARIO (cun ton menor e tristeiro): Pero dous non lle entran na Seguridade Social. ¿Lévaos tamén?
ELA: ¡Ai, non! Eses non, que non podo pagalos. Déame o outro, a ver se abonda. Malo será.

O boticario obedece movendo as cellas e a boca con xesto contrariado.
A señora sae coa cabeciña gacha apoiada no seu caxado.
Chego á miña quenda.
Teño que respirar fondo antes de falar.
O boticario tamén o fai.

Advertisements