A MÚSICA DOS VILLAR. SOBRE UN RETRATO DE INFANCIA

NO PRADO CO ACORDEON

A herdanza musical dos Villar ven de varias xeracións, por vía masculina ata chegar eu. Segundo sei –por observación ou por noticia- foi dando saltos de avós a netos, quedando os fillos e fillas como transmisores ou noutra dimensión.

Meu bisavó Mingos era gaiteiro. Sopraba ben a palleta e tiña axilidade nos dedos. Non se enterou de que na ditadura de Primo de Rivera non se podía tocar o Himno de Riego e plantábao na misa das festas, ao alzar o cura, con naturalidade. O neto avisábao, segundo empezaba, mais non oía ben e ninguén conseguíu sacalo das súas. Afortunadamente pouca xente debía estar no allo da infracción e nunca lle trouxo desgustos.

Meu avó herdou o sentido musical na danza. Seica era o mellor bailador de Cancelada. Era o que marcaba os puntos da muiñeira, ao mesmo tempo novedosos e secundables, polo que non se facía unha rolda que pagase a pena sen a súa presenza. Tivo a profesión de xastre, herdada por meu pai e por min mesma.

Meu pai ascendeu un banzo importante na escaleira musical. Sabía solfexo e tocaba o acordeón. Primeiro diatónico e despois cromático. O cromático estaba feito de encarga por Larrinaga-Guerrini e pesaba moito -14 kilos- polas cousas especiais que lle pediu. No frontón lucía un escrito amoroso: ABELARDO Y ELVIRA. El nunca concebiu a vida sen o amor de adolescente que agardou vintedous anos pola noiva emigrada. Era tamén un bo barítono que cantaba tangos, zarzuela, cuplés, charlestón, pasodobres e o que se terciara, mesmo cantos relixiosos, pois fora sacristán de pequeno.

Eu herdei o amor polo canto e fun soprano en moitos coros. Estudei e dei clase de música, tamén aos meus nenos, e sempre tiven un coro nos centros que mo permitiron… De moza acompañábame coa guitarra e cheguei a aporrear un piano. Compuxen algo de música e son unha melómana irredenta. A música enche a miña vida e, dalgún xeito, vai impregnando tamén todo o que fago.

Os fillos estudaron xa práctica instrumental. María do Cebreiro é unha boa mezzosoprano -ten un disco gravado- e sería unha estupenda pianista se continuase. Abe é un músico con preparación e boa fortuna, o primeiro da familia que é profesional e en moitas facetas da complicada arte de Euterpe.

Agora chega Helena, que afina marabillosamente as cancións. Séntase ao piano para acompañalas cos dez dediños sobre o teclado dando raros acordes para os nosos oídos. De momento é portadora da paixón musical, aínda que xa non leve o apelido Villar por ningures. Pero algún día tiña que acabarse. E oxalá que continúe a música.

Advertisements