COMPOSTELA, CIDADE DE CULTURA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Compostela é cidade musical. Desde os trobadores medievais –Bernal de Bonaval, Airas Nunes, Xohán Airas, Abril Ares…- ata os músicos da rúa que alegran a vida no bosque de pedra da Cidade Vella, Compostela sempre tivo música en ben diversos escenarios. Ten un marabilloso espazo de lecer, o “Parque da música”, cabo dun auditorio no que executa os concertos a “Real Filharmonía de Galicia”. Noutro parque próximo está a “Escola de Altos Estudos Musicais”. E hai un antigo conservatorio, escolas de música, coros, cursos de verán “Música en Compostela e, ata hai pouco, unha vida musical aberta a todos os gustos e a todos os oídos en diversos locais de noite.

Tamén é cidade viva. O que caracteriza a Compostela fronte a outros núcleos declarados Patrimonio de Humanidade é non ser só lugar de paso para turistas. Ten vida que vai máis aló da retirada do sol. O éxito da restauración do casco vello foi facer unha cidade habitable e habitada coa actividade económica que precisa para se manter viva adaptándose aos tempos para non quedar convertida nun monumento do pasado. Mais desde hai un tempo, a noite compostelá non é a mesma por se ter desatado un conflito entre a administración local e os establecementos, que non poden programar actuacións nos pubs da zona vella.

Para tratar de resolver o conflito, que afecta a empresarios, músicos e vecindade, vén de nacer a plataforma “Compostela, Territorio Musical” co fin de defender a continuidade dos concertos e da cultura local. Fórmana as asociación “Músicos ao Vivo”, “Cidade Vella” e “San Martiño Pinario” co apoio expreso de “Compostela Aberta” que participou no acto de constitución da plataforma. A pretensión do colectivo é buscar a posibilidade dunha programación estable da actividade cultural arredor da música que pemita continuar o traballo que se veu desenvolvendo durante os últimos vintecinco anos e sirva de herdo ás futuras xeracións. “Compostela, Territorio Musical” reclama do Concello un marco administrativo que recolla as aspiracións, o sentir e o traballo da cidadanía para que remova as arbitrariedades e posibilite a aplicación dun regulamento que estableza con claridade os horarios, os decibelios permitidos e as condicións para que se poidan programar concertos nos espazos públicos tendo en conta o diálogo e a boa convivencia.

Publicado en El Correo Gallego (16-01-15)

Advertisements