OS LACÓNS DE SAN ANTONIO

SANYO DIGITAL CAMERA

O día de San Antonio Lacoeiro, o músico foi tocar o acordeón para a festa na tarde e no serán. O ramista pasou por cabo del con dous lacóns cumpridos, dos da oferta, que rifaba para pagar aquel baile en honra do santo. Ían atados polas unllas e colgados do ombreiro esquerdo, un cara ao peito e outro cara ás costas.
Arrimouse ao acordeonista nun pequeno descanso entre peza e peza e díxolle ao oído:
-Cómprame unha rifa que che tocan.
O músico era home honesto e respondeulle tamén en voz comedida, pero non exenta de cabreo e incredulidade:
-¿Como vas facer iso? Son de San Antonio.
-¿Quérelos ou non? Despois non digas que non che dei oportunidade. Nas túas mans van mellor que nas de ninguén, que estás traballando por el para divertir a xente.
-Non, ho, non. Rífaos como é debido e non sexas trapalleiro.
-¿Ti queres os lacóns ou non?
-Así, non. E larga que agora vai un pasodobre. A xente quere bailar.
-Despois non te me queixes, ¿eh?
-Non, ho. Lisca dunha vez que xa me leva o demo verte diante.
O ramista andou vendendo por entre a xente ata que dixo que acabara as rifas. Daquela pedíronlle ao músico uns minutos de silencio para proceder a adxudicarlles dono.
O número que saíu da bolsa non o tiña ninguén. E o ramista volveu colgar os lacóns no ombreiro e pasou por onda o músico, dicíndolle de novo á orella
-Non digas que non che pesa por eles. Pero na miña man tampouco van mal, que organizar todo isto déucheme o seu traballo.

Advertisements