SAN ANTONIO LACOEIRO

File0065

“Dezasete de xaneiro/ san Antonio o Lacoeiro”, di o noso refrán para lembrarnos o día do santo abade, amigo dos animais non pola contemplación dos mesmos que faría Francisco de Así coa súa teoría do amor fraterno, senón por lles ser protector coa súa man avogosa. Polo visto, achegóuselle unha femia de xabaril cos seus porquiños cegos e o santo curoullos. Despois non se separou del, defendéndoo de calquera animalia que se lle achegase. Como o porco –bravo ou manso- era tido por impuro, representouse con ela, ou con calquera outro cocho, colocados ao seu pé. Mais a impureza do porco foi abatida nas probas de cata e converteuse no animal doméstico do que se aproveita todo, no gran abastecedor alimentario das familias galegas para o ano. Como agradecemento, as casas levábanlle lacóns á igrexa, pezas que o cura acabaría poñendo en poxa e dándollas ao mellor postor. Eran lacóns de porcos celtas, de tamaño reducido e pouca graxa, curados ao fume das lareiras o tempo preciso. Sabían a gloria. Xeralmente, os grandes poxadores eran sempre os mesmos porque aquela delicia non se podía deixar escapar.

Hoxe cambiou a festa, pero segue sendo o santo protector dos animais mascotas. Os porcos agora críanse maiormente en granxas e procésanse de forma industrial, deixando os cortes xustos de salgado e envasados ao baleiro. É posible que os produtos porcinos gañasen en hixiene polo control que han ter, pero perderon sabor e aquel encanto que presentaban á saída da misa as pezas atadas a pares polas pezuñas, transportadas en ombreiros masculinos como armas gastronómicas e manexadas polo cura, que recollía o rendemento para o culto. San Antonio hoxe é o patrón dos animais que pasaron plenamente á vida doméstica e ao luxo. Están protexidos por san Antonio e atendidos por veterinario. Aprenderon hábitos, comportamentos delicados e ata novos gustos culinarios. Mais a vida tende ao equilibrio e san Antonio segue recibindo tamén agradecementos polo que comemos. Nalgúns lugares coinciden a presenza das mascotas coa poxa dos produtos do porco en gran surtido de lacóns, chourizos, cacholas, costelas, butelos, soás e ata viños, augardentes, empanadas e queixos, todo doado por empresas que se dedican a traballalos. Os ingresos adoitan dirixirse ás protectoras de animais para que coiden os que foron abandonados polos donos.

Publicado en El Correo Gallego (23-01-15)

Advertisements