A CHAQUETA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Á xastrería chegou unha nai cunha reclamación pola chaqueta dun fillo. Traía metido na cabeza que a tal chaqueta non lle quedara ben. Era xente señorita, da que pagaba cando podía pagar –e non eran excusas, pois o señorío non tiña base económica senón alcurnia vida a menos-, pero que daba moito a tabarra coas súas esixencias.

-Le traigo la chaqueta de M. Con ella parece un tolo.

O xastre, con moita calma, pediulle que a puxera logo. Despois mandoulle ao cliente colocarse no medio da xastrería e, canda súa nai, foron dándolle a volta ao redor como se a prenda estivese nun maniquí, parándose en todos os detalles da chaqueta e do rapaz.
Despois indicoulle:

-Quítella agora, se fai o favor.

Cando o rapaz estivo en mangas de cos, volveron repetir a operación, parándose agora só nos detalles do rapaz.
Despois de acabaren ambas vistas, o xastre, con toda a súa retranca, neste caso moi descarada e case cruel, preguntoulle:

-Non lle parece un tolo igual? Para min que a chaqueta non ten nada que ver en todo isto.

Como o rapaz moi polo seu non era, nin sequera o parecía, malpocado, súa nai deu a volta para marchar e el seguíuna, sen mediar palabra.
O xastre non conseguiu cobrar aquela feitura, pero posiblemente non a cobrase tampouco de lle dar tino e poñerse a refacer unha chaqueta que el consideraba que xa estaba ben.

Advertisements