O ANO MICOLÓXICO

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Os cogumelos non saben ler calendarios. Estenden o micelio como un manto de rede no sotochán e esperan unha misteriosa orde para saíren enlucir a terra con formas e colores dándolle ao aire o perfume fúnxico de outono, que é cando a materia entra en desconposición. O pasado ano, a orde desviouse do habitual, cando menos polas ría de Arousa. Non é este o mellor territorio para eles, mais quen colleita pode atopar unha vintena de variedades comestibles que contentan a calquera. Aos boletos non lles chegou e quedarán agardando ata o próximo outono, porque son estacionais. Sen embargo, os cantarelos apareceron onde menos podería sospeitarse, desde as paredes ata as proximidades dos toros do eucalipto. Non só pola cantidade, senón pola calidade e a duración no tempo, foi un ano de cantarelos que debería figurar rexistrado. Pola contra, os níscalos, frecuentes pola abundancia de piñeiros na zona, mostráronse esquivos, tanto que vin só media ducia carcomidos polos vermes xa case desde a nacenza.

Aquí búscanse pouco. Os avós dos avós aínda recollían algúns para comer. Debían ser níscalos e cantarelos, tal como mos describe quen recorda este feito. Non é casualidade, xa que logo, que a xente maior conserve a palabra corumelos. Os nativos que se atreven a comelos hoxe é xente nova liberada dos prexuízos e do medo, aprendendo a recoñecelos con persoas entendidas e manexando libros. Xoga a favor desta micofilia a información gastronómica e a gratificación que dá unha xornada ao aire libre practicando unha especie de deporte que ten algo menos elegancia que o golf, pero máis proveito coa recollida.

Como curiosidade, este ano os Cantharellus Cibarius que con tanta xenerosidade nos entregaron os piñeirais e os soutos, podían aparecer encetados polos pequenos vermes, non sendo parasitables. Tamén nos Hydnum Repandum, que proliferaron e aínda saen, están sufrindo o mesmo fenómeno Cando se produce o desequilibrio dun sistema, os seres famélicos buscan a supervivencia ensaiando cambios e atacando o que atopan. O que vén de pasar non se portou ben con case nada. A produción da horta, froiteiras incluídas, foi escasa e selectiva. No territorio da froita de croia, non houbo ameixas nin pexegos. A fenda da distribución da riqueza entre os humanos tamén medrou. Os tempos móstranse alterados e están precisando axustes.

Publicado en El Correo Gallego (30-01-15)

Advertisements