PEDAGOXÍA SOCIAL

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Un feito moi negativo en pedagoxía social foi a aparición da telerrealidade. Xúntanse persoas elixidas por unha grande variedade de características, canto máis diverxentes mellor, e póñense a convivir fronte a unhas cámaras que rexistran e emiten un produto sobre o que se vai debater –que desfeita da palabra debate!- sobre o comportamento de quen vai buscando fama para obter diñeiro doado á costa de se abrir en canal diante de “toda España”, como adoitan dicir. A vida máis privada queda así no aire exposta a toda clase de comentarios, insultos e ata aplausos por calquera das súas acción e interaccións. Ao mesmo tempo, ese modo de vida que dá gran xogo para a exhibición pública unha temporada da que se pode extraer certo lucro serve de modelo de aspiración para a xente nova á que se lle colocan diante triunfadores sen se ter preparado para nada en concreto que van manexar cartos e postín á conta de vender as súas intimidades cando menos durante un tempo. Aceptan tamén a soportar calquera trato vexatorio con tal de sacar un beneficio poñéndolle unha cota moi baixa a súa autoestima. Parece mentira que alguén que tivo acceso á cultura, cando menos en teoría, se deixe tratar como mercancía. Mal asunto para exercer pedagoxía social coa forza que teñen estes medios.

Mais a peor telerrealidade é a vida considerada normal. Os informativos e as tertulias arredor do que pasa día a día na nosa sociedade arrean un alto contido en lixo. Hai persoas, dalgún xeito reitoras da vida pública que incluso foron recoñecidas polos seus méritos e servizos, que aparecen como personaxes degradados polo saqueo do comunal. Algún monicreque que non coñece ninguén pero leva manexando altas influencias. Confesións escritas ou rexistradas oralmente onde a planificación da estafa se mestura con palabrería propia de clase nada consontes coa condición de quen as pronuncia. Transportadores de capital de incógnita procedencia cara onde quede a bo recado e á marxe da economía patria. Malversadores de cartos en obras faraónicas que están caendo ou son insostibles polo seu gasto inútil. Directivos de banca que arrasaron os aforros de xente traballadora con tarxetas, a maiores dunha gran soldada, das que podían sacar miles de euros de madrugada para champán… Esta é a outra cara da pedagoxía social impropia dun país que se ten por moderno e democrático.

Publicado en El Corrego Gallego (06-02-15)

Advertisements