POEMAS PARA CELEBRAR “CANTARES GALLEGOS” I

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

 

…Que o moucho, fita que fita,
me aspera naquel penedo.

Rosalía de Castro

É nas horas duras de lobos famentos,
bailen ou non meigas nas espesas tebras,
cando o vento xeme polas regandixas
do interior noctámbulo espallando o medo.

É nesa paisaxe de angustia vestida,
de interior caroca nunha árbore vella,
onde muros, chantos, ocos e portelos
lle lanzan ao medo liames tendidas.

Sexa en tellas, portas, campás ou seimeiras,
en calquera esquina na que o medo axexe
baten os fantasmas con alas de mucho
plumas aceiradas e ollos de lumieira.

Sexa en cemiterios, xesteiras ou prazas,
xardíns, penedíos, igrexas ou chouzas
os ollos do medo vístense de moucho
e volven os corpos pétreos como estatuas.

E que necesaria se fai nesa noite
atrelada e presa nos fondos misterios
tirar ese berro que dá valentía
e privarlle ao moucho que nela revoe!

E que necesaria se fai a afouteza
de buscar remedios contra o medo aleve,
cando se encarnizan os ollos do moucho
e nós decidimos erguer a cabeza!

Co berro sacamos os mofos umbríos
do interior deixando que os enxugue o vento
e xa renovadas berramos con brío:

-Moucho, fita, fita, subido ao penedo.
Podes fitar, moucho. Xa non teño medo.

 

Publicado no libro-Cd De Cantares Hoxe (Radio Galega, Deputación da Coruña, Fundación Rosalía de Castro)

Advertisements