MULLERES DA POESÍA ROSALIANA

Varias(Montaxe de Ana Hermida)
Sempre é difícil deslindar ao poeta da voz lírica dos poemas. No caso de Rosalía, e sen chegar ás teses de Machado da Rosa que fundamenta a creación rosaliana na súa atormentada biografía, é fácil ver a poeta tras das composicións nas que o lírico feminino está desacougado no seu pensamento ou na súa conciencia, elevada culturalmente. A muller que sofre penurias económicas, gravísimas inxustizas humanas e fortes coiteladas sentimentais, sempre en maior medida que os homes ao longo de toda a obra rosaliana, está algo máis afastada da biografía rosaliana, pois trátase dunha muller do común que ten como prioritaria a tarefa de sobrevivir, unha muller habitualmente soa e ensumida na pobreza.
Esa muller desacougada no seu pensamento e na súa conciencia, viva imaxe da propia Rosalía, transita polos poemas de Follas novas.

Un poema prototipo desta muller que pensa é o que inicia Follas novas.

Daquelas que cantan as pombas i as frores,
todos din que teñen alma de muller.
Pois eu que n’as canto, Virxe da Paloma,
¡ai!, ¿de que a terei?
Rosalía reflexiona acerca da consideración que a sociedade da súa época ten das mulleres que fan incursión na vida pública, e das poetas moi en particular, unha actividade que deixada nas mans delas víase case ridícula. Este tema xa o tratara no seu ensaio Las Literatas (1865):

“Y yo, a quien sin duda un mal genio ha querido llevar por el perverso camino de las musas, sé harto bien la senda que en tal peregrinación recorremos. Por lo que a mí respecta, se dice muy corrientemente que mi marido trabaja sin cesar para hacerme inmortal. Versos, prosa, bueno o malo, todo es suyo; pero, sobre todo, lo que les parece menos malo, y no hai principiante de poeta ni hombre sesudo que no lo afirme”.

E volveuno a tocar no prólogo de Follas novas (1880):

“… ¿Mais dirase por eso que me teño por unha inspirada, nin que penso haber feito, o que se di, un libro trascendental? Non, nin eu o quixen, nin me creo con forzas pra tanto. No aire andan dabondo as cousas graves, é certo; fácil é conocelas, e hastra falar delas; mais son muller, e ás mulleres, a penas se á propia feminina fraqueza lle é permitido adiviñalas, sentilas pasar. Nós somos arpa de soio dúas cordas, a imaxinación i o sentimento: no eterno panal que traballamos alá no íntimo, solasmente se dá mel, máis ou menos doce, de máis ou menos puro ulido, pero mel sempre, e nada máis que mel. Que si os problemas que tén ocupados ós máis grandes entendementos, teñen algo que ver connosco, é nentramentras que os que comparten e levan a unha con nosoutras os traballos da vida, non poden ocultarnos de todo as súas tristezas e os seus desfalecementos. É deles ver as chagas e sondalas e buscarlles procuro; é noso axudarlles a soportalas, máis con feitos iñorados que con palabras e romores. O pensamento da muller é lixeiro, góstanos como ás vorvoletas, voar de rosa en rosa, sobre as cousas tamén lixeiras: n’é feito para nós o duro traballo da meditación. Cando a el nos entregamos, imprenámolo, sin sabelo siquera, da innota debilidade, e se nos é fácil engañar os espíritus frívolos ou pouco acostumados, non sucede o mesmo cos homes de estudio e reflexión, que logo conocen que baixo da crara corrente da forma non se atopa máis que o limo insustancial das vulgaridades”.

Verbo das primeiras palabras, e segundo se desprende da lectura de Cartas a Murguía II, Rosalía acabou sendo moi considerada cando menos nun sector da sociedade polo que o seu home recibe moitos pésames gabanciosos da grande escritora xa no momento do seu pasamento, ata o punto que o avogado Francisco Rodríguez Marín, de Osuna, lle escribe por se a grande escritora Rosalía Castro de Murguía, que acababa de finar, tiña algo que ver con el. Tocante ao prólogo de Follas, debemos supór que esas desconcertantes palabras da autora son pura ironía, porque non poden estar máis en contradición co libro e ela sabíao moi ben.

Esta muller que reflexiona está tamén en Cando penso que te fuches, Unha vez tiven un cravo, ¡SILENCIO!, AMIGOS VELLOS e moitos outros poemas deste libro singular.

A muller desacougada moralmente chea de remordementos, sobre todo por ter caído na trampa dos “amores cativos”, mal vistos pola sociedade, pertence a calquera clase social:

-¿Tes medo, miña vida,
a seres nos meus brazos sorprendida
e a que xuntos amándonos morramos?
-¡Ai, non, que a dicha así fora cumprida…!
Mas partamos…, partamos…
¡E adiós, paz e virtú, sempre querida!

-Mais a que así querer sabe,
non debe ter pai n’irmán;
nin home, si é que é casada;
nin fillos, si acaso é nai.
-Espanta o que estás decindo…
Mais eu sinto que é verdá;
lévame, señor, que irei
onde me queiras levar…
Hai un poema de carácter simbólico, O encanto da pedra chan, no que a muller-nai que busca fortuna –a nai preocupada polos fillos é un tema recorrente en Follas- debe pagar un alto precio moral pola felicidade e abandona o intento horrorizada.

Co sono da inocencia,
que non turban remorsos da concencia,
i a Virxen ó seu lado
dormían os meus ánxeles na cuna,
cando, ás furtadas, nun sereno día,
co peito palpitante de alegría
soia saín en busca da fertuna.

Iña tras dun tesouro cobisado,
de todos iñorado,
mais do que solasmentes eu sabía;
e n’era só de prata, non só de ouro
aquel sin par tesouro,
que era de un canto deseiar podía.

“Ó fin, sorte, cansache,
i o quiñón que famenta me negache
na hirencia dos praceres,
dándome só o das ansias e as peleas,
cal a aqués que ben queres,
ora darasmo en gustos ás mancheas”.

¡Pois bebamos!, ¡bebamos!
repetín eu, trubada e non de viño,
sin que o sinal da crus antes fixese
pra que ben me emprestase o que bebese…
I hastra o líquido fresco e cristaíño
os dous nos abaixamos
e ambas bocas mollamos…

Nunca me olvidarei daquel momento
de inmensa dicha e de infernal tormento,
pois de dentro da copa
saíndo de repente
unha e outra cabeza de sarpente
contra min se volveno desatadas,
e todas xuntamente
a un tempo asubiaron,
e nas entrañas mesmas
o aguillón pezoñoso me encravaron.
A muller con este desacougo moral está tamén en Non hai peor meiga que unha gran pena:

-¿Quen te pragueou, ña filla?
¿Que males, meu ben, fixeras?
-Non me preguntés, mi madre,
vale máis que nunca o sepas.
Secretos desta feitura
deben dormir antre as pedras.
-Fala, rapaza, que sinto
ferverme o sangre nas venas.
-Que eu non vexa a luz do día,
que a luz a min non me vexa…
Mi madriña, mi madriña,
non me maldizás cal ela,
deixame ir co meu sacreto
dormir no fondo da terra.
Rosalía trata de situacións sociais nas que a muller actúa aguilloada pola dureza da vida que a obriga a defenderse de moitas adversidades para sobrevivir ela e os seus. Non esquezamos que a nosa autora dá fe de que o ser humano pobre por antonomasia é a muller, en todas as posibles idades:

Pode ser nena:

Polas silveiras errante
vexo unha meniña orfa
que triste vai marmurando:
-¡Ña Virxe, quen rosa fora!
-¿Por que qués ser rosa, nena?-
lle preguntei cariñosa.
I ela contesta sorrindo:
-Porque non tén fame as rosas-.

A resposta desta meniña amóstraa como aprendiza de filósofa que non ía ter doado filosofar.

Ou presumiblemente unha muller avellentada pola pobreza:

… e cos húmedos montóns
de terra, onde algunha probe
ó amañecer se enterrou.
Esta muller popular é inxeniosa. Coa súa intelixencia natural, pode vencer ou paliar os elementos adversos, sexan da índole que sexan. Incluso amostra recursos espirituais para poder cun medo imposto pola superstición popular:

…mais acordeime da Virxe
que sempre conmigo levo;
résolle un Ave-María,
e cobrando novo alento,
como os páxaros do mare,
nadando paso o regueiro,
corro a enriba do valado,
brinco en baixo do portelo,
e desde alí berro estonces
con cantas forzas eu teño:
¡Non che teño medo, moucho;
moucho, non che teño medo!

E sabe empregar a coiraza do humor perante situacións sociais absolutamente impostas:

Que zambo ou trenco,
sempre é bo ter un home
para un remedio.
Do direito, do rivés,
matrinomio, un dogal es;
eres tentazón do inferno;
mais casarei…, pois non inverno
¡non ter quen lle a un quente os pés…!

A súa sagacidade chega a invertir os roles sociais imperantes coa connivencia doutras conxéneres:

Pepa, a fertunada Pepa,
muller do Xan que sabemos,
mentras seu home traballa,
ela lava os pés no rego,
cátalle as pulgas ó gato,
peitea os longos cabelos,
bótalles millo ás galiñas,
marmura co irmán do crego,
mira si hai ovos no niño,
bota un ollo ós mazanceiros,
e lambe a nata do leite,
e si pode bota un neto
ca comadre, que agachado
traillo embaixo do mantelo.

É tamén a muller que busca a mantenza e a calor que lle faltan e os descobre onde abondan, como Xuana, que finxe ser xorda para entrar na casa dunha montañesa rica a compartir unha noite de enchenta:

“Alá enriba da montaña,
sai fume das chamineas…
Valor, meu corpiño vello.
Levaime aló, miñas pernas.

-¡Inda nunca Dios me dera-
dixo o cego-, que esa xorda
sabe máis que eu, abofellas!
-Merece comer compango
e voullo dar, miña vella,
porque onde queira que a atopo,
gústame sempre a sabencia.
¡Coma e fártese! Aquí ten
talladas e viño…; beba,
beba pola miña conta
á salú das montañesas-,
dixo a dona, e doulle un plato
de callos como unha cesta…
Ou mesmo rescata os pequenos recursos materiais da súa pobreza cando lle negan axuda as persoas máis pudentes:

…Volvinme á miña casiña
alumada do luar;
rexistrei cada burato
para ver de algo atopar;
atopei fariña munda,
un puñiño a todo dar.
Vino no fondo a artesa.
Púxenme a Dios alabar.
Na súa pobreza e humildade, esta muller rosaliana pretende ser un modelo moral para os seus fillos e aconsellalos ben ata na hora da morte:

-Se inxenuo e leal sempre,
perdoa a quen te ofenda,
fai ben decote a amigos i enemigos
e, á porta franca, sin temor espera:
n’ai máis que un Dios i unha moral que salve
ós tristes fillos de Eva.

Esto a probe viuda
do montañés, morrendo antre a miseria,
resinada ó seu fillo lle dicía…
I a Dios o esprito lle entregou serena.

Pero non todas as mulleres rosalianas son virtuosas. Non é difícil adiviñar tras esta arenga a unha muller cativa que lles outorga ás súas semellantes a ruíndade moral por antonomasia:

-Ti, a feiticeira e branca como as neves,
i a linda antre as millores;
ti, arredor de quen, cal as abellas
a redor dunha rosa andan os homes
(xente que o mesmo acaso que as mulleres,
é dada a toda crase de traizoes);
non queiras en jamás, si es queridora;
non dones en jamás, mas que che donen;
si é que te firen, miña prenda, rite;
si é que te engañan, meu amor, non chores.
Finalmente, pode ser tamén a muller forte, a aldraxada que, soa, solteira responsable única dos seus fillos, chega ás últimas consecuencias na defensa da súa honra e no recordo da súa prole. É a que recorreu ás instancias superiores para buscar xustiza. Como non a atopou nin na terra nin no ceo, tómaa ela pola man:

…Mireinos con calma, i as mans estendidas,
dun golpe, ¡dun soio!, deixeinos sin vida.
I ó lado, contenta, senteime das vítimas,
tranquila, esperando pola alba do día…

Advertisements