A LINGUA DA ALCALDESA

SANYO DIGITAL CAMERA
É pouco previsible que a alcaldesa que leva 24 anos desempeñando a función na capital dunha comunidade con lingua propia non saiba facer nela un pequeno discurso. Por iso a intervención de Rita Barberá este luns na crida das fallas levantou tanto balbordo no auditorio que escoitou un idioma tan maltratado. Chama a atención que isto suceda nunha comunidade empeñada no plurilingüísmo, que puxo o alumnado a estudar materias en lingua estranxeira para construír unha Babel moderna. O amor pola linguas adoitan manexalo algúns políticos asegurando que a propia, que é flebe entre as invasoras, sempre estará equilibrada coas outras para non correr perigo, pois xa se encargan eles de dinamizala. Por iso, a alcaldesa valenciana ben puido ter tomado leccións do idioma que se estuda, madia leva, nas escolas e que posiblemente é máis doado de aprender que o inglés, porque polo de agora aínda impregna dalgún xeito o tecido social. Pero parece que non. O seu era o español, as gargalladas e o Vdas vitorias electorais. Ela sabe que fixo o máis espantoso dos ridículos, pediu perdón e achacouno a quedar en branco por telo preparado en exceso. Non sei se empezaría xa as clases de valenciano para o futuro ou se definitivamente abandonará as improvisacións para seguir sendo quen era.

Coñecemos ben o problema de alcaldes e alcadesas co noso idioma. De norte a sur de Galicia houbo e hai rexedores de cidades moi importantes aos que non se lles escapa unha palabra en galego. Francisco Vázquez foi moi belixerante contra o idioma e ata contra nome da cidade que gobernaba tendo que pronunciarse a xustiza. A lingua está ausente nos discursos de tantos alcaldes, servidores públicos obrigados por mandado estatutario a promocionar e defender esta riqueza cultural. Tamén aquí o goberno da Xunta pretende o plurilingüísmo na escola, pero o alumnado cada vez sabe e usa menos o idioma que nos identifica.

Claro que hai alcaldes e alcaldesas que queren falalo de boa fe sen ter dominio cabal. Nunha poboación grande de Galicia celebrábase un congreso de poesía a finais do século pasado. O alcalde inaugurou a placa conmemorativa e en ton humilde pronunciou esta frase: “Diante de tantos ilustres poetas dáme noxo falar galego”. Todos entendemos que quería dicir pudor. Así que substituímos a palabra pola que debera ter dito. E alí non pasou nada.

Publicado en El Correo Gallego (27-02-15)

Advertisements