NA FESTA DO PORCO

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Aínda que o Entroido galego vai perdendo celebracións ancestrais -duraba máis dunha semana- conservadas en lugares onde o fan perdurar como celebración única, non perde o rito culinario da boa mesa. Estes días están as casas de comidas –como se lles chamaba aos lugares que servían pratos máis tradicionais- cheas de xente arredor dun cocido. Sobre estas celebracións espalladas por todo o país está a do lugar que foi facendo do abondoso prato que non dá acabado o seu mellor sinal de identidate: Lalín. Ata hai pouco, e antes da consolidación da festa do porco nas terras do Deza que alí se complementa co legume amarelo, a xente discutía sobre se o cocido debía levar garavanzos. E ambas partes tiñan razón, pois nalgúns lugares usan como legume de acompañamento a faba. É un tipo de cocido ligado ao caldo, pois vén a ser un subproduto del, mentres que o dos garavanzos nace con vocación de prato aínda que se lle aproveite o líquido para unha sopa que adoita ser de fideo e moitos restaurantes ofrecen aos comensais, se gustan. De todos os xeitos, algúns establecementos que quedan en terras máis ou menos raianas, poñen xa o cocido cos dous legumes. Nalgúns traen á mesa tamén castañas cocidas que tanto botaba de menos D. Álvaro Cunqueiro, porque o costume das castañas si que está en franco devalo.

Está tamén bastante establecido servir as dúas verduras que poden entrar neste prato de pratos, que non é só estacional, os grelos e o repolo, para que os comensais decidan que verdura poñer ao lado ao porco ou para catar as dúas. Como soe presentarse en abondosas fontes para que o persoal se sirva ao seu gusto ou mesmo para que, quen sexa máis habelencioso en trinchar, se luza desfacendo a cachola, cachucha ou cacheira; a galiña, que adoita vir en metades, e algo de becerro; o botelo ou a androlla, cada vez están máis presentes avanzando desde o leste, a súa xeografía natural, e que xa se elaboran en localicades onde non eran habituais estes embutidos; o lacón e o xamón, que, segundo o número dos que se xuntan para esta degustación, poden chegar sen partir. Quédannos os chourizos e as patacas. Os chourizos poden ser os habituais e coas variantes que traen nos ingredientes cebola ou cabaza, todos eles sabedores. En canto ás patacas, non adoitan estar á altura da calidade do resto dos produtos, unha grande eiva nun país que as dá tan boas.

Publicado en El Correo Gallego (12-02-15)

PEDAGOXÍA SOCIAL

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Un feito moi negativo en pedagoxía social foi a aparición da telerrealidade. Xúntanse persoas elixidas por unha grande variedade de características, canto máis diverxentes mellor, e póñense a convivir fronte a unhas cámaras que rexistran e emiten un produto sobre o que se vai debater –que desfeita da palabra debate!- sobre o comportamento de quen vai buscando fama para obter diñeiro doado á costa de se abrir en canal diante de “toda España”, como adoitan dicir. A vida máis privada queda así no aire exposta a toda clase de comentarios, insultos e ata aplausos por calquera das súas acción e interaccións. Ao mesmo tempo, ese modo de vida que dá gran xogo para a exhibición pública unha temporada da que se pode extraer certo lucro serve de modelo de aspiración para a xente nova á que se lle colocan diante triunfadores sen se ter preparado para nada en concreto que van manexar cartos e postín á conta de vender as súas intimidades cando menos durante un tempo. Aceptan tamén a soportar calquera trato vexatorio con tal de sacar un beneficio poñéndolle unha cota moi baixa a súa autoestima. Parece mentira que alguén que tivo acceso á cultura, cando menos en teoría, se deixe tratar como mercancía. Mal asunto para exercer pedagoxía social coa forza que teñen estes medios.

Mais a peor telerrealidade é a vida considerada normal. Os informativos e as tertulias arredor do que pasa día a día na nosa sociedade arrean un alto contido en lixo. Hai persoas, dalgún xeito reitoras da vida pública que incluso foron recoñecidas polos seus méritos e servizos, que aparecen como personaxes degradados polo saqueo do comunal. Algún monicreque que non coñece ninguén pero leva manexando altas influencias. Confesións escritas ou rexistradas oralmente onde a planificación da estafa se mestura con palabrería propia de clase nada consontes coa condición de quen as pronuncia. Transportadores de capital de incógnita procedencia cara onde quede a bo recado e á marxe da economía patria. Malversadores de cartos en obras faraónicas que están caendo ou son insostibles polo seu gasto inútil. Directivos de banca que arrasaron os aforros de xente traballadora con tarxetas, a maiores dunha gran soldada, das que podían sacar miles de euros de madrugada para champán… Esta é a outra cara da pedagoxía social impropia dun país que se ten por moderno e democrático.

Publicado en El Corrego Gallego (06-02-15)