NON AO VAGÓN DO TREN

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

As mulleres chegaron ao tren da historia no vagón xineceo de nais, esposas, fillas e serventas. Aínda unido ao resto para que os homes fixesen tránsito de intercambio coa carne da súa carne, corazón do seu corazón ou simplemente servidoras das súas varias necesidades, aquel vagón avanzaba máis despacio e, ás veces, podería dicirse que andaba cara atrás. Pero os amos da locomotora procuraban que non se desenganchase porque elas coidaban do esencial para a vida común: cociñaban, dábanlles pracer e fillos, criábanllelos, fiaban, tecían… Sen ser parvas, non podían tomar decisións no rumbo da viaxe, e non participaban nas conquistas que aparecían no camiño nin no seu reparto, pero crían que fora así decidido polos deuses, tan afeitas estaban xa a un vagón desde o que vían pasar moi lentamente as árbores e os campos de trigo.

Un día, naquel vagón entrou un libro. Unha delas atopou un cómplice entre os visitadores que lle ensinou a ler. Ela fíxoo con outras e aos poucos armouse unha algareira convivencia de saberes revulsivos que as levou a non querer seguir naquel furgón sen xeito. Cando os homes notaron o cambio, tomaron actitudes diferentes. Uns alporizábanse. Outros non daban tino. E algúns cavilaron que era mellor preguntarlles que querían. Elas fixéronse oír e eles pararon o tren para desconectar o vagón maldito e deixalas entrar no espazo común, aínda que con moitas condicións de servilismo e sometemento á autoridade patriarcal. A vida tampouco foi igualitaria no novo acomodo. E, cando as mulleres vimos achegarse as leis igualitarias ás nosas vidas, comprobamos que recibimos menor soldada, que ás veces a parella nos trata con violencia ata de morte, que non nos facilitan compaxinar a maternidade co traballo, que hai cambadelas para chegar a responsabilidades sociais avanzadas. As relixións seguen a ser un freo para a nosa liberdade, a publicidade úsanos como obxecto, e o paro e a pobreza feminízanse de xeito alarmante en todo o mundo.

As mulleres temos a sensación de que nos queren volver a aquel vagón xineceo reprodutor, aos labores domésticos, á usurpación das decisión sobre nós mesmas, á pobreza económica e intelectual. A nosa sorte ante ideoloxías tan perversas é que temos a razón e debemos fortalecela coa arma máis certeira e menos cruenta de todas as que existen: a nosa palabra liberadora.

Publicado en El Correo Gallego (13-03-15)

Advertisements