A CORRUPCIÓN

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O papa Francisco vén de dicir que a corrupción apesta. Este papa preocúpase dos graves problemas terrenais e, de cando en vez, bota un mínimo discurso sen categoría formal pero detras do que vai corre. Os efluvios da corrupción non se perciben polo nariz. Oxalá se percibisen para atallala, pero non son nauseabundos como os da calaza e non avisan. Apestar significa aquí ser perniciosa, peste inodora que se contaxia, contamina e enferma gravemente a sociedade, porque ten capacidade para afundir os mecanismos normais dun estado moderno e civilizado convertíndoo nunha caricatura da democracia. Tolérase a corrupción a pesar de estarmos teóricamente dotados de capacidade de supervisión e control que pode prevenir e reprender tal desvarío se se actuase con desvelo e rapidez. Porque outra característica da corrupción é non estar mal vista pola sociedade mentres a maioría non sofre os efectos directos dun mal que hoxe entre nós é moi grave. Moita xente debe esperar a que caia con ela algunha prebenda de reparto. Se estivese mal vista, non sería tolerada nos cargos electos que lle sacan proveito suculento e serían apartadas dos poderes que lles outorgan os votos. O electorado máis consciente ten co seu voto o mecanismo máis potente contra un xeito de gobernar o ben común en beneficio propio con total desprezo ás normas de rexer a cousa pública que din servir. E é bo non esquecer que hai corruptos porque hai corruptores e que ambas partes son responsables do mal.

Na prevención deste fenómeno que é tan urxente atallar xoga un papel importante a educación. Discernir o que está e non está ben axuda a formar unha cidadanía con actitudes éticas. Da vida que se desenvolve nun centro podemos sacar exemplos de cousas que non deberan tolerarse. Copiar nun exame ou nun traballo non predispón a ser xusto nin a esixir xustiza. Elixir a delegación de curso por amiguismo sen mirar a personalidade e a madurez non prepara para futuras eleccións responsables dunha boa gobernabilidade. Arengar aos rapaces e rapazas a que aprendan a defenderse en por eles mesmos á marxe das normas e do respecto mutuo é anular as capacidades de aprendizaxe dos procedementos democráticos para resolver os conflitos. Hai moitos rodeos nos asuntos sociais que conducen a camiños polos que transita a corrupción, que ten raíces ben plurais e profundas.

Publicado en El Correo Gallego (27-03-15)

Advertisements