A MORRIÑA E A RETRANCA

IMG_6246

A morriña e a retranca son dúas características que se nos atribúen e algo diso debe haber, como di a nosa paisanía ante a evidencia, demostrando xa que, efectivamente, algo hai. E, estando radicadas unha na razón e outra nos sentimentos, creo que veñen sendo a mesma cousa: o noso xeito aprendido e xa herdado de reaccionar fronte á adversidade.

Sentimos morriña, forte e inconcreta sensación que habita na profundidade persoal, porque notamos que nos falta algo, porque tememos que nos vaia faltar algo, porque nos arrebataron algo… Adoita sentirse fóra da terra porque nos tivemos que transplantar.

Marchar é arrincarse da terra coma unha árbore
e transplantarse noutra.
Deixar o souto, a fraga, a carballeira,
a horta, o prado, o monte…
e buscar acomodo noutro sitio
lonxe e descoñecido as máis das veces.
É cambiar de paxaros e de ventos,
de chuvias de nevadas e de brétemas
polo que queira vir pousar en nós.
Levar as landras, as mazás, as noces…
a caer noutro chan onde as recolla
quen non nos viu nacer nin ir arriba.

Marchar é arrincarse,
e levar esa terra que queda nas raíces
para facer raigame en terra allea,
para que o corazón siga latendo
e a memoria se abrigue nas querencias
que quedaron atrás.

E a ver se a terra allea se fai nosa.

A morriña é un estado de ánimo dorido e paciente, por veces incurable. A morriña é o cravo rosaliano sen o que nos sería difícil sentir a vida.

Pola contra, a retranca é unha resposta automática e activa que ten poder sobre calquera frustración. É a nosa sanación polo humor noso co convencenmento de que non nos farán tragar rodas de muíño, de que nos non engana xa ninguén, de que podemos afrontar coa palabra intelixente calquera desfeita que quixera acudir en contra nosa.

Advertisements