EN LOOR DA FREGONA

IMG_6519
É de seu tan popular, tan humilde e tan barata que a recibín en herdo e seguín moito tempo con ela entre as mans sen sospeitar, pola súa sinxeleza e leviandade, que tamén era un invento.
Ata o de agora reflexionaba pouco sobre as cousiñas que me fan a vida máis doada. Non me ven nada mal, xa que logo, confesar publicamente o pecado de lle ter atribuído á palabra invento connotacións de grandeza. Confeso pois, e con contricción, que pensaba que os inventos eran cousas grandes e ben cantadas, como a marabilla de falar telefonicamente cos parentes da Chaira luguesa despois de superar os pitidos correspondentes a tres ou catro cortres ó longo dunha conversa de tres ou catro minutos.
Pois ben, resulta que acabo de enterarme, por telo lido, de que a fregona e a súa pequenez é todo un invento. Un invento grandioso, digo agora que aprofundei o meu na serodia descuberta ata me decatar de que foi tamén unha gran revolución.
E quizabes me atreva a dicir xa que na vida histórica das mulleres hai fundamentalmente dúas etapas: antes e despois do achado dun oficial do Exército do Aire, Manuel Jalón, que buscando, supoño eu, facilitar a vida dos soldados –esoutros seres que nun “lapsus” do acontecer vital fregan e fan faenas consideradas domésticas– acabou por crear o único aritluxio que fixo da femia humana un ser definitivamente erecto.
Xa se sabe que antes da aparición da fregona houbo mulleres que abandonaron o cepillo e o caldeiro. Pero tamén han de concederme a veracidade destoutra afirmación: cada vez que unha señora deixou o posto foi substituída por outra. Así é como se comprende que a limpeza doméstica, vinculada ó xénero salvo a excepción temporal-castrense que deixo anotada, sexa un problema feminino.
As mulleres temos que lle estar lealmente agradecidas ó sinxelo e baratísimo invento nacido en 1956 e comercializado en 1965. Porque a fregona non só fixo o milagre de nos erguer senón que permitiu ó mesmo tempo que as relacións de parella heterosexual fosen moito máis ousadas, fluídas e paritarias.
Ningunha muller se atrevería antes do evento a pretender sequera que o seu compañeiro, dálle que che pego e a faenar, se axoenllase por ela. Por moi suave que fose a insinuación ou moi enérxico que fose o mandato, non tería éxito na empresa. O de pórse perante unha muller na actitude humillante de tocar o chan con algo máis que a planta dos pés só acontecía en esporádico episodio romántico connatural á declaración amorosa, por unha soa vez e sen sentar precedente nin compromisos futuros.
Hoxe, polo contrario, calquera muller de calquera clase ou condición é capaz de intentar que o seu home –ou algún fillo– lle axuden no mester de deixar a casa limpa e habitable. É así de sinxelo. “Pásame a fregona”, dito coa mesma naturalidade coa que se solicitan na mesa os grans de sal para aderezar unha ensalada ou unhas patacas fritas que se quedaron curtas na cociña. Que llo fagan a unha xa é outra cousa, pero a fórmula está aí e hai que aproveitala.
E como o enxeño nace ligado ó exército e é revolucionario, non virá nada mal que acabe este artigo felicitando ó oficial e ó estamento enteiro, e agradecéndolles cordialmente esta revolución pacifista tan transcendente para a vida das mulleres.

A este artigo (publicado en El Correo Gallego) foille outorgado o premio de xornalismo Puro Cora 1995

Advertisements