ARTES POLA IGUALDADE DE XÉNERO

10255366_774136402682767_816113234820395760_n
Dóenos a necesidade de aprofundar na teoría e na práctica da igualdade de xénero a favor da vida digna das mulleres (e dos homes) a través da familia, a escola, a sociedade e os medios de comunicación. De interiorizar debidamente esa igualdade crebada pola historia depende a construción dunha sociedade máis equitativa, máis sá e máis feliz coas aportacións das mulleres aos cambios que precisa tamén o mundo, pois nosoutras como conxunto engadiremos novas maneiras de prever e resolver os conflitos que acarrea a vida persoal e colectiva. Unha nova cultura da igualdade dará lugar tamén ao fin dos maltratos e dos feminicidios que de diversas formas se cometen en actos conxuntos ou máis disimuladamente en forma de goteo de asasinadas polos homes que elixiron nun momento para compartir a vida.

A educación ten neste gravísimo problema un papel imprescindible, pois é o mellor motor de cambio, e todas as iniciativas que proporcionen estímulos para esta aprendizaxe deben ser saudadas con esperanza, apoiadas e agradecidas. Así o facemos hoxe aquí cun concurso que promove a empresa Bolboreta Animación, o Certame Galego de Artes pola Igualdade de Xénero, que mañá entregará os premios da segunda edición na Casa do Concello de San Sadurniño. Con esta iniciativa, que tiven a fortuna de ver como nacía da ilusión de dúas mulleres novas, preténdese render en cada convocatoria homenaxe a unha muller con conciencia pola igualdade que teña desenvolvido actividade pública notoria e sirva de estímulo para a incorporación das mulleres á vida colectiva dunha sociedade normalizada verbo da dedicación e traballo feminino fóra do ámbito doméstico. Este ano, a homenaxeada é a cantante Uxía, artista cunha calidade ben probada na súa xa longa carreira.

Para o certame son convocadas persoas en tres categorías, desde educación infantil ata eliminar o tope de idade, para presentar escritos literarios que desenvolvan contidos relacionados coa igualdade entre mulleres e homes, hogano a través da poesía. Conta co apoio dos Concellos de San Sadurniño, As Pontes e A Capela, e a Editorial Galaxia co agasallo dos libros que recibirán os gañadores e gañadoras, canda un diploma e unha gratificación económica. Uxía poñerá fin a este ao acto de entrega e homenaxe cunha pequena actuación, acompañada por Magín Blanco.

Publicado en El Correo Gallego (17-04-15)

Advertisements