PALABRAS NO FUTURO

11148493_10200485802503270_3274752143585946925_o
A Asociación GÁLIX, que agrupa un bo número de persoas e colectivos relacionados co libro infantil e xuvenil, celebrou o ano pasado o 25 aniversario da súa existencia. Como noutras iniciativas que se levaron a cabo afrontando os cambios que pedía a oficialización dunha lingua para chegar coa máxima normalidade á sociedade máis nova, tiven a honra de participar naquela fermosa aventura da creación deste faro iluminador dunha Literatura que pouco máis tiña para lles ofrecer ás crianzas que a riqueza da creación oral e uns pouquiños libros de autores e autoras preocupados polo problema antes de que aparecese como apremiante. Creo que é de xustiza agradecer o entusiasmo que puxo na teima Xabier Senín desde a Dirección Xeral do Libro da Consellería de Cultura, catalizador de todas aquelas inquietudes de quen escribía, ilustraba, editaba, vendía e lía no ben pouquiño que tiñamos e que axiña se viu inzar como a escuma.

Unha das actividades da celebración foi editar un libro pensando no alumnado de Educación Primaria dos colexios de Galicia para o distribuír gratuitamente en todas as bibliotecas escolares do país. A chegada, algo serodia, deste libro ás miñas mans motiva estes renglóns para dar conta dunha iniciativa moi digna de divulgar. Choven palabras no futuro, editado en colaboración coa Xunta de Galicia (Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria), foi presentado o 23 de decembro na Sala Einseman da Cidade da Cultura. Fórmano textos en prosa e verso de 25 autoras e autores da Literatura Galega ilustrado polos traballos de oito ilustradores e ilustradoras, pertencentes ao xa ben veterano colectivo.

Moi atinado me parece o criterio de Gálix, do artista da capa e contracapa ou de ambas partes, de incluír na ilustración o comezo dunha obra singular das nosas letras, rendendo así de paso unha homenaxe ao seu autor, Xosé Neira Vilas, un dos socios máis ilustres e que tamén o é de Honra. Refírome ao gran libro galego de protagonista infantil Memorias dun neno labrego, unha novela histórica e social publicada na Arxentina en 1961, que é hoxe o libro máis lido da nosa literatura, está traducido a moitas linguas e suscitou interese para os estudos do fenómeno literario. Esas palabras choveron no pasado. Oxalá no futuro outras o sigan facendo tan tréfegas para sustentar a lectura.

Publicado en El Correo Gallego  (24-04-15)

Advertisements