SALMÓN EN MARMITAKO

IMG_7120

Traio aquí un falso marmitako, do que gustamos na casa. Ao mercado de Rianxo chega moi poucas veces o bonito, polo que non se pode saborear o guiso mariñeiro que incorpora tomates, pementos, cebola, allo e patacas, constituíndo un prato de nutrintes sans e variados. Polo contrario, o salmón, a vender todos os días, é peixe ben aprezado, aínda que algúns xa van cansos de o comer á prancha. Tal cansazo foi o motivo de investigación caseira -oxalá non sexa un reinvento da pólvora- de probar vai para un ano outro xeito de tratalo que cada vez é máis frecuente no xantar, porque Suso é guiseiro coma el só e eu non lles torzo a cara.

A parte axeitada, menos graxenta máis e máis compacta, é a que se achega á cola. Por iso compro un toro do final e pídolle á peixeira que mo desespiñe e esfole. Mentres non soubo esfolalo, descubrín un momento do proceso culinario no que se pode facer moi doadamente, que sinalarei no seu momento.

Córtoo en tacos e bótolle sal mariño –sempre pouco- e pementa negra moída, que lle acae moi ben a este peixe. Á hora de o cociñar, boto aceite de oliva suave nunha tarteira e selo os tacos, que retiro e deixo ao quente. Este é o momento de sacar a pel, se aínda a tivese, pois despégase case soa.

No mesmo aceite poño dúas salugas –dentes- de allo, que son moi amante do seu sabor, cebola en xuliana grosa, pemento vermello ou verde e tomate, pelado e picado, cun chorro de viño branco e unha folla de loureiro. Salgo outro pouco as verduras e déixoas facer tapadas a lume manso. Cando van indo suaves, boto as patacas partidas e escachadas ao final. Recomendo que sexan de calidade e fariñentas, pois as ruíñas arruínan calquera prato. Se fai falta algo de caldo, engado unha pouca auga. Se gusta, tamén é o mento de botar unha culleradiña de pemento agridoce de La Vera.

Xa próximo o punto das patacas, reparto por riba o salmón co zugo que foi soltando para que se mesturen os sabores. E xa só queda servir en prato fondo, con culler e forcado para a escolla de cadaquén e para aqueles que, en familia e coma min, gustan das patacas esmagadas entre a salsa.

Vaille ben un albariño, aínda que eu non o beba.

Advertisements