ALAMEDA DAS ÁRBORES CELTAS

arbores_celtas

Un dos grandes principios da educación institucional nas primeiras etapas é partir do que está próximo para axudar a coñecelo, a interpretalo e chegar desde el á xeralización. O medio natural e social é suficientemente rico para ofrecer puntos de partida. A nosa toponimia e antroponimia, por poñer un exemplo, arrastra gran pouso de historia que o alumnado non adoita coñecer. E parece razoable que se expliquen os nomes nun exercicio que se convertirá en fonte de coñecemento directo, e mesmo de investigación adaptado a cada nivel e etapa educativa. Desde hai máis dunha década, no IES Castro da Uz (As Pontes) promoveuse un proxecto de rendabilidade pedagóxica partindo de lle explicar ao alumnado a orixe dos seus nomes e apelidos. Supoño ben doado pasar de aquí ao contexto dos comezos da historia de Galicia, estracto importante da nosa cultura na que estarían inseridas moitas destas palabras. E de aquí, á importancia que para aqueles habitantes tiña a natureza, centrándose na cultura celta. Como as ideas se encadean, asignóuselles a cadanseu alumno e cadansúa alumna as 21 árbores sagradas celtas, segundo o día e o mes do seu nacemento: abeleira, abeto, álamo, amieiro, bidueira, carballo, castiñeiro, cedro, ciprés, faia, figueira, freixo, maceira, nogueira, oliveira, olmo, piñeiro, pradairo, salgueiro, sorbeira e tileiro.

E plantáronse no recinto escolar hai 12 anos. Despois viñeron os coidados e cada grupo tiña unha árbore para atender o seu cultivo. Cinco non saíron adiante e hai cinco anos que foron repostas. O curso pasado estudaron os nomes científicos e populares diferentes dos da zona, e pasaron á literatura, identificando cada unha cun escritor ou escritora das nosas letras, tarefa complicada porque Galicia ten unha importante historia literaria que continúa vizosa, a pesar de todo. Nesta nova aprendizaxe, ás árbores apareceulles unha ponla artística con versos ou prosas despois de ler, recordar, debater, poñer en común e decidir 21 nomes de autores e autoras, que van do Rexurdimento á actualidade, para emparellar con elas. O ramo a este meritorio traballo poñerallo a inauguración da Alameda o próximo 18 de xuño, en presencia dun bo número de autoras e autores, e cos “argalleiros e argalleiras das letras”, que teñen tamén a súa árbore, acompañando os textos coa súa música.

Publicado en El Correo Gallego (15-05-15)

Advertisements