MERCADO DA ARTE, A ARTE NO MERCADO

BASEdef

En centros comerciais amplos estanse facendo interpretacións de repertorio operístico ou simplemente orquestral que sorprenden o público. Tamén as obras de arte visual se desprazan a estes lugares acompañadas por quen as crean e mostran alí os procesos do seu traballo. Na Praza de Abastos de Quiroga Ballesteros (Lugo), remozada rencentemente, terá lugar unha experiencia pluriartística do 25 ao 31 de maio. Alí potenciarase a cultura, que se atopa nun momento de mínimos históricos por estar sendo relegada con alevosía como se fose unha actividade persoal e socialmente nociva. Potenciarase, ao mesmo tempo, o consumo de produtos de proximidade, o que respecta máis o medioambiente e distribúe a riqueza entre os habitantes dunha comarca.

Coordinada pola artista Luz Darriba, que realizou tantos proxectos colectivos na cidade, e non só, orientados á defensa de causas nobres, coa colaboración do Concello de Lugo e da Asociación Monumental Mercado Municipal, Mercado da arte, a arte no mercado presentará un bo número de artistas, mulleres e homes, que mostrarán os seus traballos en taller e en actuacións cara ao público, interrelacionado a alimentación do corpo e a do espírito nun encontro lúdico e amoroso coa vida. Os e as artistas convidados son Dulce Anca, Maribel Aguilar, Nuria Barrio, Alfredo Bongianni, Quique Bordell, Alfonso Castro, Ana Costas, Luz Darriba, Honorio, Julio Leira Sanmartin, Jose Lemur, Germán Limeres, Federico Lojo, Juan José Lomarti, Ignacio López, Noemí López, Juan Pablo Mastroiani, Quique Muruais, Estefanía Novo, Alfonso Otero Regal, Renata Otero, Ánxela Pardo, Alejandro Pardo, Cristina Mejías Bamio, Luisa Paz Montenegro, Giovana Pereira, Paco Pestana, Xabier Quijada, Baldo Ramos, Xermán Refojo, Viky Rivadulla, Daniel Sanmartin Anca, Peter Schneider, Isabel Somoza, Fernando Tomé, Lola Tourón, Eduardo Valiña, Juan Vila, Helena Villar e Zalo. Farán obradoiros de pintura, gravado, poesía, máscaras, concurso de fotografía sobre o mercado, mesas redondas, performances, teatro, música, instalacións, danza, etc. nos diferentes postos e espazos libres do mercado. A máquina da arte (unha expendedora de tabaco) proverá obras orixinais dos artistas participantes a un prezo unitario de dez euros e funcionará de continuo durante toda esta grande exposición.

Publicado en El Correo Gallego (22-05-15)

Advertisements