MULLERES PARA O CAMBIO

11220874_10153371087068921_4590614654125259897_n
Se todo sae como decidiron electores e electoras, dúas mulleres presidirán a corporación municipal das dúas cidades españolas máis grandes, Manuela Carmena a de Madrid e Ada Colau a de Barcelona. Que unha muller acceda a unha alcaldía aínda hai que celebralo, pero que dúas mulleres teñan mandado democrático para gobernar dúas cidades tan habitadas e complexas, de xeito diametralmente oposto ao que ata agora se entendía por gobernar, é un feito que haberá que valorar debidamente co transcorrer do tempo pero que ten fasquía revolucionaria. De perfís moi diferentes, ambas son loitadoras polos dereitos civís, porque a xustiza non se ensañe cos máis necesitados, por lograr un máis equitativo reparto da riqueza e por deostar a corrupción nas institucións dotándoas de medios que garantan o coñecemento público das actuacións.

Non son profesionais da política, pero veñen a ela da man de movementos sociais que queren implicarse na res publica. Chegaron upadas pola cidadanía en apuros pola necesidade de recuperar a dignidade de ter comida, traballo e teito. Carmena ten unha traxectoria democrática tan longa como lle permite a biografía e unha ricaz experiencia no mundo da xudicatura, coñecementos que poñerá ao servizo da súa nova etapa de traballo na que non pretende perpetuarse. Colau leva ás súas costas a loita diaria ao lado dos lanzados á rúa por unha crise asoladora que permite que a xente quede na rúa mentres os bancos se quedan cos seus pisos baleiros, ás veces por cantidades verdadeiramente ridículas para quen non perdeu o traballo ou o pequeno negocio. Por unha ou outra razón, as dúas saben o valor que ten opoñerse aos poderes políticos e económicos que perden a máis minima empatía cando pasan a venerar o becerro de ouro.

A nivel autonómico, unha terceira muller aparece tamén moi apoiada pola cidadanía na súa loita contra políticas e políticos pegados á cadeira, apartados dos problemas da xente e proclives a crear niños de corrupción. Aí está Mónica Oltra, coas súas camisetas portadoras de mensaxes, que foi a voz da rúa contra os dispendios nas administración valencianas. As tres se distinguen doutras conxéneres en que queren cambiar as prioridades, os modos, os fins e os aparatos da política. En que queren poñer as institucións ao servizo da cidadanía e non ao propio. Benvidas sexan.

Publicado en El Correo Gallego (29-05-15)

Advertisements