MIRANDO ATRÁS

Campionato de ximnasia

32 Mestras de Ensino Primario que finalizamos a carreira na Escola de Maxisterio de Lugo en 1960 -91, ás que se unía algunha oínte- xuntarémonos o próximo domingo buscando a calor daquela xuventude compartida. Seguiamos o plano de estudos de 1950, contraposto aos ideais da República. Accedíase a el co bacharelato elemental e un exame que mostrase habelencias para costura e bordado. A educación política, relixiosa e física, completada con elementos de solfexo, e cantos relixiosos, patrióticos e escolares, ocupaban o 27% do curriculum. O edificio, inaugurado en 1954 -sen recepción oficial ata 1963- tiña un amplo local entre as alas segregadoras de xénero co rótulo PSICOTECNIA. Utilizábase para vender bocatas nos recreos recadando fondos para a viaxe de fin de carreira. Só alí se comunicaban connosco os 35 compañeiros. Aquela palabra quedou unida a este uso. Nada de estrañar se, nun inquerito sobre que asignatura suprimiriamos da carreira, a resposta maioritaria foi que a Pedagoxía. Ese era o noso nivel de razoamento sobre a formación que estabamos a recibir. A única actividade regrada mixta, mais non revolta, eran os xercicios espirituais. Daquela, aínda se marcaban os libros con cruz e xaculatoria, e se lle pedían aprobados na súa capela a Nosa Señora dos Ollos Grandes.

No derradeiro curso chegou o aire fresco de profesores e profesoras novos que traían boa formación e metodoloxía. Estabamos xusto a medio camiño entre a aprobación daquel plano e o xurdido da Lei Villar Palasí (1971) que introducía grandes cambios no ensino. Para obter o título, tiñamos un campamento de verán que nos convertía en cooperantes educativas do réxime: Instructor/a Elemental de Juventudes. As mulleres debíamos cumprir o Servizo Social para poder matricularnos nas oposicións. Como preparación para o noso traballo levabamos unha bagaxe ben pobre. Sabiamos que “Pedagogía es la ciencia del arte de educar” e tiñamos un modelo para preparar leccións con obxectivos preconcebidos e invariables: “Desarrollo de la atención, espíritu de observación, etc.” O importantes que foron as nosas interaccións como grupo, aprendendo todas de todas naquela diversidade económica, social, xeográfica, afectiva e intelectual, que propiciou un forte intercambio doutras aprendizaxes, é o que debemos celebrar mirando atrás.

Publicado en El Correo Gallego (05-06-15)

Advertisements