A POESÍA É GLOBAL

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

É difícil saber se quen se considera nace ou aprende a selo. A miña opinión, sen pretender crear verdade, é que se nace, porque as criaturas posúen unha conformación que as fai percibir o mundo de xeito máxico, dotando de vida canto as rodea, e porque os seus xogos coa linguaxe se parecen ao traballo rítmico da forma poética. Quizabes poida aducir tamén que a humanidade –a nosa infancia colectiva- se enfrontou a crear coa palabra facendo poesía, buscando a forma rítmica ideal para cada cultura. “Cando chove, mexa o sol”, dicía unha nena mirando para as pingotas que empezaban a caer na treboada. Coa madurez intelectual, van perdendo esta característica e é aí onde eu sitúo a grande utilidade da educación para que continúe transformando e acrecentando esas capacidades a través de modelos creados que as incorporan á creación colectiva universal no xénero cume da expresión que acontece en calquera idioma.

Por non se cumprir a condición que apunto ou porque en aparencia a poesía é o texto menos utilitario e máis interpretable da comunicación, é un xénero minoritario na produción e no consumo, feito aplicable a todos os idiomas e culturas, pois era ben estraño encher un estadio para escoitar poesía como sucedía na Unión Soviética, onde si tiña un gran número de degustadores. En Galicia, quizabes porque o pobo conservou a tradición poética medieval cando deixou de ser escrita e porque tivo unha gran poeta como fundadora da nosa literatura contemporánea, o número de poetas é elevado en proporción coa cidadanía e a nosa lírica ten calidade para intercambiarse coa internacional en pé de igualdade. A iniciativa Poetas Di(n)versos, que coordina a poeta Yolanda Castaño e que recibiu este ano o Premio da Crítica polo seu papel, vai xuntando por pares creadores de noso e de fóra no Centro Ágora de A Coruña, coidando as súas características compartidas. Hogano pechouse o pasado luns coa intervención da india Rati Saxena e a de quen isto escribe. A poeta oriental, que estuda os textos sagrados escritos en sánscrito, fixo agromar nos seus versos a problemática da consideración das mulleres e outros aspectos daquela afastada cultura milenaria. Pero nese fondo soterrado do que se alimenta toda a poesía, únense como en ningún outro as diversas culturas e fanse todas nosas. Porque é na poesía onde nada nos pode resultar alleo.

Publicado en El Correo Gallego (12-06-15)

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Advertisements