QUE CONSERVAR DA TRADICIÓN

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

As tradicións son costumes que recibimos en herdo. Estás enraízadas no pasado e moitas permanecen máis alá de lles coñecermos o signficado. Facemos magostos en honra aos mortos, que hoxe son pura xolda. Poden ser suplantadas, como a das caliveiras de Samhaín que está sendo invadida pola foránea festa de Halloween. Por seren herdo que se estableceu no fío histórico en momentos moi afastados, poden verse afectadas por cambios operados na sociedade civil, que está chamada a avanzar revisando tamén as tradicións con sentido crítico por se hai que deixalas quedar no camiño. Moitas diversións festivas nas que se martirizan animais, para gozo dos presentes, están sendo repudiadas por parte da cidadanía que quere desterrar a crueldade das súas prácticas. Hoxe podemos xulgar con ollos fríos o que supón de aberración tirar unha cabra desde a espadana dunha igrexa ou o espectáculo bochornoso do “Toro de la Vega” (Tordesillas). En xeral, as tradicións dos touros sometidos a sacrificio para diversión dos humanos están pasando por un momento crítico e, a meu xuízo, tenderán a desaparecer a pesar dos acérrimos defensores que as consideran un sinal de identidade cultural patria.

Outras cébanse cos propios seres humanos e van contra os seus dereitos. Entre nós, as Universidades teñen que loitar contra as novatadas que a algúns aínda seguen a parecerlles graciosas. E, con maior gravidade social, temos o feito da ablación ou mutilación xenital feminina á que, por tradición, se calcula que foron sometidas 70 millóns de nenas e mulleres actualmente vivas en África e no Yemen, cifra que está aumentando nos países aos que se dirixe a inmigración que conserva tal práctica herdada. A ninguén de quen somos alleos a ela se nos ocorre pensar que esa desgraza, denigrante e de graves consecuencias para a vida as mulleres, debe conservarse. E, sen ir tan lonxe, tamén era tradición que as nosas mulleres permanecesen na casa coidando a súa familia con entrega total, suxeitas á autoridade do seu home sen o poder de administrar os bens propios. E non esquezamos cando estabamos excluídas do dereito cidadán a emitir voto para decidir en ningunha clase de consulta. En canto ás propias de Galicia, que son moitas, a que considero que cómpre protexer para a salvar é o idioma creado polo pobo, día a día e durante tantos séculos.

Publicado en El Correo Gallego (19-06-15)

Advertisements