INTERVENCIÓN NA XUNTANZA DA PROMOCIÓN DE MESTRAS DE ENSINO PRIMARIO, 1960

PROMOCIÓN MAXISTERIO 55 ANOS

Benqueridas compañeiras: É de xustiza que empece por lle agradecer a María Veiga Pereiro o seu empeño en que poidamos abrazarnos despois de tantos anos, sobre todo as que non tivemos a ocasión de facelo tras dunha despedida alborozada e alborotada, a finais de xuño de 1960. Tamén o é agradecerlle de novo a ela, a Antonia Fernández Paz e a todas vós que me permitades dirixirvos a palabra nunha xuntanza tan especial como a deste día.

Tras de 55 anos, vimos buscando a xuventude compartida durante tres cursos. Lástima non poder estar todas e aínda máis que algunhas nos deixaran para sempre. Fomos 91, ás que se unía algunha oínte. Seguiamos o plano de estudos de 1950, no que a educación política, relixiosa e física, completada con elementos de solfexo e cantos relixiosos, patrióticos e escolares, ocupaban o 27% do curriculum. O edificio inaugurárase en 1954, aínda que non foi recibido oficialmente ata xullo de 1963. O arquitecto deseñara un amplo local entre dúas alas segregadoras de xénero que tiña o rótulo PSICOTECNIA. Servía para que, en terceiro, fixeramos mercadeo de bocadillos en comunicación cos 35 compañeiros da ala dereita. Ese cuarto de hora do recreo, tras do inesquecible: “Es la hora!!!” que ía soltando Mercedes polas portas, foi o máis normal que vivimos na Escola Normal de Lugo. Se ninguén se ocupou do significado da palabra psicotecnia, non era estraño. Nun inquerito sobre que asignatura suprimiriamos da carreira, responderamos con normalidade desbotar a Pedagoxía. Ese era o noso nivel de razoamento sobre o que estabamos a aprender alí.

Un profesorado mediocre –do que exclúo as veteranas Carmen Pardo Losada e Ana María Múgica Martínez, e os chegados en terceiro curso con aire fresco e moi bo facer, Mercedes Andrés, Antonio de la Iglesia Pascual e Fernanda Valcácel Pestaña- dirixía a nosa mutilada formación. A música aprobábase previo agasallo. As matemáticas, non facendo preguntas nin tomando apuntes. Unha de nós conseguiu sacar os apuntes das coordenadas cartesianas, que posiblemente recordedes a pesar do tempo transcurrido:

He convenido en un infinito. Si fueran 2, podían ser 32. Gira, gira, gira en un determinado sentido no teniendo ni máis ni menos, ni menos ni más, siempre, siempre, positivo, valga la expresión, si os dais cuenta. Con lo cual se demuestra que no tiene importancia ninguna quedando así terminada la función.

Agricultura era coidar unha planta do pasillo. Para o debuxo, calcábanse láminas na ventá… Ser intelixente sería unha tara para a futura profesión (“Nunca será una buena maestra. Es muy inteligente y no se dedicará a la escuela”). Resolver un exame sen erros, era sinal de ir a unha Academia, feito penalizado. Agardar na entrada armada con pololo, saia e tennis brancos, era unha falta de disciplina non anunciada, pero de alcance incalculable… A literatura foi un catálogo de libros e autores, sacado do “García López”, cuns poucos conceptos incomprensibles e intercambiables, como “gracia aérea y fresco lirismo”. Da riquísima literatura escrita en castelán –a única lingua permitida- lemos a novela do Padre Coloma, creador do “Ratoncito Pérez”, Pequeñeces da que opinaba Juan Valera: “La novela hubiera sido mejor sin ser sátira, y la sátira mejor sin ser novela, y el sermón retemejor si no hubiera sido ni novela ni sátira”.

En canto á formación católica, centro dun plano de estudos que viña combater a escola republicana, recibímola dun cura ancián de cuxa paciencia moito abusamos e doutro sacerdote que nos amenizou o campamento de San Miguel de Reinante con sermóns estrambóticos naquel mes de xuño de 1959 no que obtivemos o título de “Instructora Elemental de Juventudes” que nos convertía en cooperantes educativas do réxime. Aos lúgubres exercicios espirituais, única actividade mixta mais non revolta do centro, non lles dabamos moito tino a pesar da nosa práctica relixiosa case xeralizada de marcar os libros con cruz e xaculatoria, e rezar polos aprobados na capela de Nosa Señora dos Ollos Grandes.

Chegado xuño de 1960, as aprobadas que xa fixeran por libre o Servizo Social, puideron matricularse nunha oposición inmediata. Algunhas pasamos un mes máis en Lugo facendo polas mañás “canastillas” luxosas para a infancia pobre nos talleres da Sección Feminina da Rúa da Estación. Aquelas tardes acudiamos ás festas dos barrios, desde A Chanca a Montirón. A canción que tocaban as orquestras era “Petite fleur”:

Se as flores que bordean os camiños se cortasen todas mañá, eu gardaría no corazón a que se acendía nos teus ollos cando te amaba tanto no país marabilloso das nosas dezaseis primaveras….

Nosoutras viviamos en serena primavera, como o amor da canción, pero o grupo quedara diluído nos camiños da vida. Como preparación para o noso traballo levabamos unha bagaxe ben pobre: unha definición que non nos ía dar luces: “Pedagogía es la ciencia del arte de educar”. E unha libreta para preparar leccións con obxectivos preconcebidamente invariables: “Desarrollo de la atención, espíritu de observación, etc.”

Estas foran as nosas cincunstancias. Pero o importante fomos nós e as nosas interaccións como grupo. Para nacer na década dos corenta, fomos afortunadas. As nosas familias esforzáronse para darnos a carreira máis curta e con saída: Mestra de Ensino Primario. Foi un privilexio, aínda que nos limitara aos estudos considerados máis femininos por continuar o rol materno da educación. Estou convencida de que a gran maioría de nós os seguimos por imposición –que moi probablemente nin percibimos como tal- e de que lle dedicamos a vida a unha profesión non elixida. E sei que non errarei afirmando que nos entregamos a ela con ilusión e con proveito do alumnado.

Durante tres anos, todas influímos en todas. Todas aprendemos de todas. A diversidade económica, social, xeográfica, afectiva e intelectual do grupo propiciou un intercambio de aprendizaxes difíciles de valorar obxectivamente, pero de alcance profundo. Ningunha de nós sería igual sen aqueles tres marabillosos anos de convivencia. Aquela camaradería, que superou o tempo, tróuxonos hoxe aquí en busca de nostalxia dun pasado que foi obxectivamente triste, pero que nós non o apreciamos así. Porque a nosa xuventude puido con todo.

Recordos e cariños para todas as ausentes e parabéns por este día, de reencontro e de fortes emocións, amigas miñas.

Lugo, 07-06-15

Advertisements