OS PRODUTOS DE NOSO

CH-KwvZWIAE_4To.jpg large

Polo que puiden ver nesta fotografía, no “Arde Lucus” coméronse pementos de Padrón que viñan de Marrocos. Estrañada pola extravagancia, comentéillelo a dous amigos gastrónomos e informáronme da triste realidade dos nosos mercados. Polo que me contaron, hai lugares de venda onde o que parece cercano trae encima moita quilometraxe e cruce de fronteiras. Xa esquecera que quixen mercar unhas patacas hai pouco, preguntei pola procedencia e informáronme de que viñan de Exipto. De agora en adiante, mirarei aínda con máis atención onde se criou o que merco para comer, pois no que poida quero traer á casa produtos de noso. Quen imos ao mercado non valoramos suficientemente o que se cultiva aquí de xeito tradicional, a poder ser. En primeiro lugar, críase na terra e no mar máis concordes co noso organismo, feito que contribúe ao equilibrio natural. Mirando a economía, fai medrar os recursos propios ao contribuír a que os traballadores da terra e do mar, e os que transforman estes alimentos, obteñan mellor rendemento do traballo. O desenvolvemento comarcal potencia a economía das súas xentes, polo que, aínda sendo algo máis caros os produtos, acaban en inversión para nós mesmos. O terceiro aspecto a considerar é o custo ecolóxico da importación de comestibles que é moi alto, pois necesitan transportes e embalaxes que xeran contaminación.

Precisamos unha reestruturación do consumo que, se non comeza polas superficies que fan da distribución planetaria o seu principal negocio porque obteñen prezos moi baratos, terán que a facer os consumidores aumentando as súas esixencias non só en calidade, senón tamén no respecto pola Terra e no desenvolvemento do mundo pobre baixo os mesmos principios. Incluso o Papa Francisco, que na encíclica Laudato si eleva a defensa  do planeta a deber moral, se preocupa por este conflito. É hora de implicármonos como sociedade crítica na solución de problemas importantes para a nosa saúde e para unha mellor concepción do consumo. Os cultivos ecolóxicos deben gañar terreo aos métodos de explotación do solo que implican o uso de aditamentos dañinos para a alimentación, a flora, a fauna e o planeta.

O primeiro venres de cada mes, instálase en Rianxo Sachos a Rúa: feira labrega e artesana, organizada polos Foros Ecolóxicos da Barbanza. Ben poderían facerse noutras vilas e cidades.

Publicado en El Correo Gallego (26-06-15)

Advertisements