IDIOMAS ALDEÁNS E UNIVERSAIS

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Dª Carolina Punset dixo nas Corts Valencianes que coa inmersión lingüística se volvía para a aldea. O primeiro erro desta líder de Ciudadanos é descoñecer que significa inmersión lingüística”, pois nunha comunidade con dúas linguas románicas en contacto non hai inmersión propiamente dita. O segundo, non delimitar que significado dá á palabra aldea, que pode ir da escasa veciñanza ata 55.000 habitantes, dependendo do país. O terceiro, non caer na conta de que ela fala tamén unha lingua aldeá, pois ancha é Castela e moito máis a Latinoamérica que fala español. E o cuarto, e aínda peor, é que nos países de grandes aldeas, fundamentalmente USA pero hai máis, os aldeáns falan linguas das que ela chama universais igual que os urbanitas. O desprezo polas linguas das comunidades con idioma de seu arrastra a infravaloración do mundo rural, conservador desta riqueza que merece toda a protección recoñecida na legalidade vixente. Por outro lado, defender a lingua propia achegándoa ás novas xeracións que viven máis apartadas dela e recoñecéndolle a dignidade que merece a quen a ten desde o berce, non se contradí con aprender outros idiomas. Xeralmente, as persoas que defenden a normalización destas linguas están capacitadas para falar máis, empezando polo castelán pero sen limitarse a el.

Hai tres ou catro días, unha moza amiga topou cun taxista que cuestionaba o galego como lingua de utilidade. Moi retranqueira, díxolle que, cando menos con ela, lle estaba servindo para traballar e gañar uns euros. Pero el –cousa frecuente neste tipo de persoas que renegan del falándoo- insistía en que non tiña saídas, como o castelán que si servía para falar con todo o mundo. Ela relativizoulle o alcance dese “todo o mundo”, citándolle o caso de Europa, para non ir máis lonxe, pero el non dera o seu brazo a torcer cando chegaron á parada que lle solicitara. Alí estaba agardando o servizo outra moza loira, con aparencia de visitante, que lle espetou ao taxista unhas palabras que o deixaron en branco. Daquela, el intentou probar co castelán e agora foi a clienta quen non entendeu nada tampouco. A galega quedara mirando con curiosidade e ofrecéuselle a el de intérprete, con outra das linguas que pode falar. Así conseguiu que se entendesen e xa marchou para o seu traballo, O taxista non sabe que ensina castelán nun centro.

Publicado en El Correo Gallego (03-07-15)

Advertisements