MULLERES BAIXO ORDES

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Foi propio das mulleres estar ás ordes dun home ao que debían obediencia. Era a primeira, aínda que tivesen outras. Tal circunstancia de minoridade e servilismo foi removida, máis nos papeis que na realidade. Temos leis que consideran iguais os seres humanos, pero tamén sabemos o difícil que é a igualdade en colectivos sometidos ideolóxica e economicamente. As mulleres eran consideradas inferiores en todas as ordes da vida, agás na fermosura, pois canto máis sometidas estaban máis guapas lles parecían. Nunha filigrana filolóxica que hoxe fai rir, aqueles seus amos chamábanlles “a miña señora” e dicían estar dispostos a defendela das ofensas doutros ata nun serio proceso de dó no que xogaban a súa honra manchada –a deles, que non a delas- a vida ou morte. A ese dono –chamado marido, pai e, se se terciara irmán- tiñan que pedir permiso para actuaren. Pero chegou un momento en que a sociedade fixo por territorio europeo consignas revolucionarias: “liberdade, igualdade e fraternidade”. Gustáronlles a algúns e empezaron os avances. O empeño das propias mulleres, as máis concienciadas que constituíron un dos grandes movementos contemporáneos de transformación, o feminismo, vai tras da conquista da igualdade para o colectivo máis numeroso dos sometidos, que constitúe algo máis de media humanidade.

Os usos e costumes veñen amparados polas leis que hai que mudar para o cambio de realidades inxustas. Hoxe ampárannos, aínda que sigamos cobrando menos por igual traballo ou traten de nos gobernar o noso corpo. Aínda é difícil unha presenza igualitaria nos cumes de decisión, pero ata as institucións máis reacias aceptaron presenza feminina –agás a Igrexa católica-, aínda que ás veces sexa pouco máis que testemuñal. As mulleres chegaron tamén ao exército, onde o acatamento das ordes da superioridade é obrigatorio. Casos de abuso de poder, que saltaron á prensa, por parte de superiores con algunhas mulleres non son a tónica xeral do funcionamento da institución. Pero si crearon a suficiente alarma para vermos a necesidade de defender debidamente a muller no caso de que alguén superior, sexa ou non home, decida sometela a calquera tipo de acoso. É moi grave que se sinta desatendida e, aínda o é máis, que a persoa que comete abusos probados dea a impresión de que, en lugar dun correctivo, recibe un premio.

IMG_3181

Publicado en En El Correo Gallego (10-07-15)

Advertisements