MAX CARUN, IN MEMORIAM

11391534_10206152722910981_4703128238341339192_n
De súpeto, aínda que a enfermidade que soportaba nos era coñecida pola maneira de narrar a vida –tamén a propia- coa pluma e a formación dun científico, fóisenos o amigo Max Carun, nome que substituía o dos papeis oficiais, Carlos Marcos Caruncho Núñez (Canido-Ferrol, 8 de decembro de 1967- A Estrada 10 de xullo de 2015).

Era un home bo, moi coñecido como amante e benefactor da Natureza, sobre a que elaborou documentais que gañaron varios premios. Como defensor desa causa que preocupa aos militantes do ecoloxismo –un dos movementos con máis capacidade transformadora desta sociedade que abusa do planeta- acarreou capachos de piche do Prestige metido nas reas de xente en branco que retiraban lixo que o capital irreverente e irresponsable mandou á Costa da Morte en novembro de 2002. Pero a cotío, Max vivía na amizade co noso lobo, o xau, as aves, a lontra, os ríos, as dunas, as árbores, a brétema e a luz… Desde o seu convencemento evolucionista, recomendábame o outro día que só comese carne dos animais que menos compatibilidade xenética gardan connosco e, sobre todo, daqueles que teñen menos desenvolta a capacidade cognitiva. O derradeiro consello, querido Max Carun, tereino en conta como se fose unha manda.

Amaba a vida e sabía que a morte forma parte dela, pois era orfo temperán e perdeu tamén a seu irmán Ricardo sendo moi novos os dous. Por iso a esperaba estando san e cando estivo enfermo: con naturalidade, como a deberíamos agardar sempre. Claro que el sabía que a vida ten que pagar a pena vivila e tal pensamento fíxoo un ser revolucionario que quixo implicarse nas causas que melloran o paso dos humanos pola Terra, sempre ao lado dos desfavorecidos, entre os que están as mulleres, por algo era tamén feminista. Así que amaba ao mesmo tempo a vida, a ciencia, a igualdade e a revolución. De aparencia grave coa súa cara barbada, era tenro e tiña unha capacidade asombrosa de xerar simpatía, como mostra a cantidade de amizades que tiña na rede social Facebook, onde gustaba de facer crítica sociopolítica e activismo medioambiental. O seu pasamento tivo neste medio un enorme eco, pois a rede pode constituír hoxe un punto de encontro afectivo e eficaz tan válido como un espazo real.

Os cinco últimos anos pasouno moi feliz en acompañía da súa hoxe viúva, a profesora Yolanda Paz, e de Coco, cadelo, que levou as arras da noiva no casamento ataviado con paxariña de gala no colar. Os 25 de abril, tamén levaba un caravel vermello. Con eles como gardiáns principais da súa memoria estamos as amizades de sempre e as que tivemos ocasión de lelo, de dialogar con el e de admirar esa sabedoría e compromiso insubornable coa vida digna.

Que a terra que tanto quixeches e coidaches che sexa leve, querido Max.

922538_10200688120739342_1892817874_o

 Publicado en El Correo Gallego (17-07-15), un pouco resumido.

Advertisements