RIANXO, VILA DE LIBROS (PREGÓN DA FEIRA DO LIBRO, 2015)

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Rianxo acolle outro verán a Feira do Libro. Sexan benvidos os ilustres visitantes que as librerías nos achegan na súa actividade transeúnte. Grazas a libreiras e libreiros, os libros, fonte de soños, respostas e saberes, abandonan os locais especializados e asómanse ás rúas e prazas para ser visitados en espazos lúdicos e levados ás casas como un dos mellores bens culturais da humanidade. As librerías recórdannos así que son bens apetecibles de mercado. Nesta actividade, colaboran tamén editoriais, e autores e autoras que veñen presentarnos o seu labor. Sexan tamén ben chegados.

Como escritora e usuaria dos libros, debo agradecer á Federación de Libreiros e Libreiras de Galicia o terme convidado a pronunciar estas palabras. Tamén ao Concello por ter incorporado esta feira como servizo á veciñanza. A vila de Rianxo pode gabarse, de xustiza é recordalo, de acoller entre os establecementos comerciais a Librería Cándido, senlleira en Galicia pola súa antigüidade. Dalgún xeito ela é anfitriona desta festa da cultura e temos que lle dar os merecidos parabéns.

Os libros son un produto que homes e mulleres de diferentes sentires e saberes elaboran, en soidade ou en grupo, e entregan á industria editorial que culminará o seu traballo. Cando pasaron polas mans dos varios profesionais que interveñen na súa materialización, viaxan ao encontro da xente cheos de fantasía creadora, sabedoría acumulada en séculos, fonte para variadas aprendizaxes, ilusión para a infancia e a xente nova, apoio e acougo no vagar dos maiores, oportunidades para quen non puido deselvolver as capacidades intelectuais ou profesionais a debido tempo… Os libros en papel seguen a ser un tesouro, a pesar da competencia dixital para a lectura noutro soporte e de tantas actividades de ocio que tentan e atraen a primeira vista. Dentro dos fogares, converteranse en artífices de educación, aprendizaxe e disfrute das familias que os acollen. Porque veñen cargados de xeitos diferentes de mirar o mundo, de propostas alternativas para o noso ocio, de camiños para medrar permanentemente como individuos e seres sociais, de novas habelencias para mellorar as afeccións… Os libros satisfacen necesidades moi variadas, porque nacen do gran abano de intereses dos autores e as autoras. Por iso, é ben difícil non atopar nunha feira do libro algún que acaia ben na casa para lectura de mulleres, homes, adolescentes ou crianzas. Estes días, pasade por aquí, mirade, collede, folleade… Sempre daredes con algún que quererá quedar nas vosas mans e ser o voso compañeiro, o voso asesor, o voso amigo.

Nesta vila, de seu literaria, tiveron a orixe libros clásicos por excelencia, imprescindibles para entender como se desenvolveu a nosa cultura, e como Galicia e o seu idioma recobraron a dignidade. Parafraseando un verso da vosa canción-himno, “libriños veñen e van”. De Rianxo saíron libros a percorrer mundo. Aínda que algún se escribise fóra pola dureza do exilio co seu autor, todos teñen os pés chantados aquí. Esta foi a vila e este foi o territorio que lles tramsmitiu aos autores o pulo creador e a lingua que contribuíron a modelar, a arriquecer e a dar futuro.

Como esta é a festa dos libros, citarémolos antes que os autores: Retrincos, Os dous de sempre, As cruces de pedra na Galiza e na Bretaña, Cousas, Sempre en Galiza, Os vellos non deben de namorarse, Dos arquivos do trasno, A fiestra valdeira, De catro a catro, Escolanía de merlos…Están escritos na lingua propia do país, que tardou máis do debido en aparecer nos libros. Por iso ao valor da súa calidade e de que foron referencia para autores e autoras que viñan detrás, hai que engadir o de contribuíren a lle devolver a dignidade a un idioma que tiña negado o uso escrito. A lingua necesitaba libros para que a xente lese como falaba, para que parecese o que realmente é: unha lingua polo seu, como xa o fora. Porque na Idade Media, houbo cantigas que louvaban este mar na lingua de Rianxo, pero daquela non había libros. Estaban amanuadas en exemplares únicos que permaneceron ocultos nas vellas bibliotecas. Tras do Rexurdimento, Castelao, Dieste, Manuel Antonio e Rey Romero –todos rianxeiros de honra- foron grandes da contemporaneidade que deron vida aos libros que deixo citados. Detrás viñeron, veñen e virán, libros de investigadores, ensaístas e creadores que continúan o labor de poñer por escrito pensamentos, pescudas noutros libros e documentos, emocións e fantasías literarias. Rianxo segue a ser unha vila de libros, poque segue a ser unha vila de escritores e escritoras.

Os libros cobran todo o sentido cando alguén se entera do que din. Só aí se completa o acto de comunicación máis libre no tempo e no espazo, o que inicia quen os escribe sen saber nin para quen nin para cando nin para onde. O libro é unha ferramenta de comunicación sen tempo, que non esixe a presenza simultánea dos interlocutores, pero si un requisito para utilizalo: ter adquirida a aprendizaxe lectora, que eles axudan a perfeccionar. Para interpretar os libros e outras mensaxes escritas estendeuse a alfabetización obrigatoria. Aprender a ler é un privilexio dos países avanzados, pero non todas as persoas aproveitan a habelencia para seguila utilizando máis alá da escolaridade. Saber ler é moito máis que comparar as letras, e reproducir sílabas e palabras a unha velocidade aceptable. Non se sabe ler ata que se domina a comprensión dun texto. Pero son os textos lidos quen van xerando as medras da comprensión para enfrontarse a outros de maior dificultade. As persoas que non adquiron a aprendizaxe de ler teñen unha fenda entre o libro e a súa capacidade de comprendelo que as fai desistir de ler. Outras, a pesar de ter unha aceptable comprensión, non se achegan aos libros por non teren hábito lector, que esixe disciplina, entrega e concentración. Sexa por aprendizaxe fallida ou por falta de hábito, o índice da frecuencia lectora na sociedade galega é alarmante. En 2013, só o 55% da poboación aseguraba ler libros de forma habitual, cifra que nos deixa por debaixo da media española. E, segundo publicou este ano o barómetro do CIS, en España o 35% non le case nunca ou nunca.

¿Quen pode axudar a encher ese baleiro que queda nas persoas que non len, aínda que elas non sintan esa perda? Hai tres institucións para crear sinerxias correctoras do desaproveitamente dunha alfabetización que custa moito diñeiro á sociedade e acaba empobrecendo as persoas.

-En primeiro lugar está a escola. Que é ela a encargada de proporcionar as bases da lectura sábese desde vello. Dicían antes que a escola era para aprender a ler, escribir e as catro regras. Daquela, aprendizaxes tan simples eran moi valoradas. Hoxe percíbese a escola como rotina incorporada á nosa vida e ás veces ata é tratada con certo desprezo. A pesar do esforzo de moitos profesionais que promocionan o uso do libro e da biblioteca, a institución escolar parece que non ensina a ler para ler, senón para estudar, con cuxa planificación a curto prazo lle pon á lectura habitual data de caducidade.

-En segundo lugar, a familia. O amor ao libro, e máis cando o cómodo audivisual, o atractivo tecnolóxico e o contaxio social lle come espazo, adquírese fundamentalmente na familia. Dela saen as condutas máis estables e os hábitos mellor consolidados. As criaturas deben ver que os seus len, que na casa hai libros para lles ler contos e para que os lean. Nenas e nenos deben xogar co obxecto libro representado nos seus primeiros xoguetes e non perder nunca o contacto con el. O libro ten ventaxas sobre outras fontes de información e de lecer: a reflexión, a fidelidade da información e a esixencia de atender. As familias deben saber valorar as ventaxas do uso dos libros e crear hábitos lectores nas crianzas.

-En terceiro lugar, as institucións con capacidade para tomar decisións en política cultural. Elas deben promover o libro, moi especialmente o escrito na lingua do país, contribuíndo a que chegue ás librerías e ás bibliotecas todo tipo de libros en galego. Un informe recente da Federación de Gremios española sinala que o último libro comprado por un galego escrito na lingua propia só supuña o 4,9%, fronte ao 28,1% do que pasa en Cataluña e o 12,4% en Euskalerría. O noso libro, xa que logo, precisa accións que corrixan tan forte desequilibrio e iso esixe tomar medidas de corrección.

Pecho esta intervención lamentando un feito que me sobrecolle e espero que se remedie axiña: cada día pechan dúas librerías en España. Esta perda non só é para as librerías e os axentes da creación e a industria do libro. Nos libros que non se leron, quedan respostas razoadas ás preguntas máis elementais que pode e debe facer unha persoa civilizada: quen somos, que pasou antes de virmos nós ocupar a terra, cales foron os avances importantes da humanidade e os seus retrocesos, por que seguimos no mundo a pesar de tanta desgraza e tanta guerra, por que a humanidade repartiu tan inxustamente a riqueza, que vai pasar co planeta se seguimos abusando de. E moitas outras que deixo para a súa reflexión.

Feliz feira do libro e moitos éxitos para ela.

Rianxo, 23-07-15

11781817_1015656315135284_2317050520915535961_n

Advertisements