RECUPERANDO A ALTA CANCELADA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Mentres en terra ancaresa aínda avanza a traída de auga como servizo público desde un manancío do Ramallal, nun dos castros da alta Cancelada coroado pola aldea de Castel de María, cara outras máis baixas como Quintá e A Cortella, o río Donsal serpea e salta entre os seus vales baixo tupidas sombras co caudal achicado polo verán. É tempo de estiaxe e de faena de recuperación paisaxística á súa beira. Nos meses de xullo, e xa van cinco, voluntarios e voluntarias internacionais teñen alí un campo de traballo para a conservación e mellora da ruta de sendeirismo que o percorre. Caboran coa asociación Castiñeiro e Nogueira, artífice da Ruta Quintá-Río Donsal, e cos voluntarios residentes e emigrados que volven de vacacións.

Catro mozas e catro mozos procedentes de Sevilla, Toledo, Valencia, China, Italia e Uruguay, universitarios con experiencia de cooperantes, conviven durante estes días cos poucos habitantes, e coa cultura e costumes dunha terra que estivo moi poboada Como en case todo o rural galego, a xente non atopou alí solución para o seu futuro e abandonouna. Mais, pola súa orografía e as escasas e serodias comunicacións, a comarca quedou libre da especulación destrutora e conserva a flora e a fauna autótonas, as riquezas etnográficas doutros modos de vida xa desaparecidos e as construcións habitacionais. Xa que logo, o medio sufriu só a erosión do tempo e do abandono, pero a man humana substitutiva e depredadora non desfixo nada que sexa irreparable.

A asociación Castiñeiro e Nogueira, vinculada ao territorio, vén desenvolvendo, con poucos medios e axudas, o traballo de recuperación que comezou co deseño, creación e consolidación da ruta na contorna do Donsal, introducindo cada ano melloras para a vertebración dun proxecto de cambio e supervivencia nun rural rehabitado. Nas aldeas próximas comezou xa o proceso de restauración de casas e algunha palloza, procurando un contorno con valor ecolóxico que recupere poboamento para desenvolver actividade económica, de xeito que nativos, retornados e chegados de fóra poidan vivir no campo e del, en condicións atractivas e rendibles. Deste cambio de estratexia para a defensa do rural, dotándoo de recursos para novos tempos, van saír beneficiadas as parroquias de Quintá e Sevane, e as aldeas e pequenas vilas dos arredores.

Publicado en El Correo Gallego (24-07-15)

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Advertisements