ROMAXE DE NOSA SEÑORA DA ERMIDA

11737179_10205424394704149_1994330877_n
Os santuarios galegos vertebraron a vida espiritual, cultural e comunitaria, especialmente a través das romaxes. Erixidos en emprazamentos nos que se rendían cultos ás vellas crenzas, alimentaron a presenza compartida na que se unían trato coa divindidade e coa veciñanza. Eran tamén lugares milagreiros que atraían xente e arriquecían a comunicación e a convivencia. O Cancioneiro Medieval ten cantigas nas que as doncelas van ás romaxes –moitas de advocación mariana- para encontrarse co amigo. Ben coñecidas son aínda as merendas de confraternidade que nos seus arredores celebraban devotos e convidados, cumprindo ofertas que van de sacrificios persoais, como andar de xoenllos ou cos pés nus, á presentación de exvotos que testemuñan agradecementos.

O Santuario da Nosa Señora dos Remedios da Ermida do Courel (Quiroga), aínda conserva vestixios das antigas prácticas procesionais. Noutros casos, ao paso dos séculos desligáronse do espazo relixioso, converténdose en festas pagás con lendas que ensalzan a valentía de homes vencedores dunha besta inimiga. O desdebuxado vencello que seguen a manter co feito relixioso é a coincidencia na data dalgunha festividade, coma o Corpus, o que resulta indicio de cal ven sendo a súa procedencia. Polos cambios nas interpretacións teolóxicas, hoxe hai ritos que poden parecer un divertimento nesta romaxe caurelá, pero están integrados nos contidos procesionais desde as súas orixes.

Jesús Río Ramilo, o crego da parroquia, vén de publicar o libro Romaxe da Nosa Señora dos Remedios Arciprestado Quiroga-Courel. Guía sobre o Santuario, editado pola Asociación Cultural Souto do Val, con mentes de dar a coñecer toda a riqueza deste singular santuario mariano. Alén do seu sentido relixioso, garda un valor etnográfico importante pola singularidade das figuras simbólicas que participan nesta romaxe: o Meco e as Pampórnigas, que non foron desprazados das orixes na liturxia festiva. Poñer este coñecemento ao alcance da veciñanza e de quen desde fóra se achegue ao santuario e á festa do oito de setembro, é o meritorio traballo dun párroco preocupado por lle dar explicación e vitalidade á herdanza cultural e relixiosa que a paisanía foi quen de conservar ata os nosos días. O libro presentarase hoxe, venres 31, ás 20h, na igrexa do propio Santuario.

IMAXE DO CARNAVAL DE LOVAINA, ONDE AÍNDA CONVIVEN A SIMBOLOXÍA RELIXIOSA E A PROFANA NA CELEBRACIÓN FESTIVA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

IMAXE DO CARNAVAL DE LOVAINA, ONDE AÍNDA CONVIVEN A SIMBOLOXÍA RELIXIOSA E A FESTA PROFANA.

Publicado en El Correo Gallego (31-07-15)

Advertisements