BALDO PESTANA EN LIMA

11707678_10206960745407924_4485573649024650359_n
Baldo Pestana saíu de Castroverde cando tiña catro anos e, xa cunha vida cumprida de traballo e aprendizaxes artísticas, volveu á terra onde foi querido e admirado tal como merecían el e o seu traballo. Unha mañá do pasado mes xullo fixo a súa viaxe definitiva cando faltaban tan só unhas semana para que, en Lima –unha das súas cidades favoritas, con Buenos Aires, París e Lugo- se celebrasen acontecementos importantes de recoñecemento e merecida difusión da súa obra. Aínda así, puido coñecer e supervisar os contidos desta grande homenaxe coa meticulosidade e a esixencia que poñía no seu labor de artista.
Lima acolle, desde o día cinco deste agosto, a exposición dos seus retratos fotográficos a unha xeración notoria de artistas, homes e mulleres escritores e intelectuais, cos que se adiantou ao recoñecemento que habían conseguir co paso do tempo. Vivían uns en Perú e outros en París, cidade onde Pestana traballaba para revistas, publicidade, axencias (Mccann Erikson) e medios prestixiosos (Time e Life). Na capital francesa, retrataba para a súa colección, e só por interese artístico, a aqueles participantes latinoamericanos nas vangardas parisinas que el admiraba e de cuxo círculo de relación formaba parte. O Museo de Arte Contemporánea de Lima acolle as fotos que forman parte da historia actual do país andino e que antes andaron circunlando en libros e en prensa. A exposición, patrocinada pola Fundación BBVA Continental, está comisariada por Fietta Jarque e Alejandro Castellote.
Os retratos fotográficos, extraordinaria especialidade de Pestana, preséntanse tamén no libro Retratos peruanos, prologado por Vargas Llosa –un dos seus fotografados sendo moi novo-, volume que recolle os compoñentes da mostra e algúns máis. Será o día 14, en torno a unha mesa redonda na que participarán peruanos especialistas en fotografía e algúns dos retratados. E o día 13 estrearase na 19 edición do Festival Internacional de Cine de Lima a película-documental La imagen reb/velada, producida por MIRAMEMIRA con tesón, poucos medios e moito cariño. Este traballo foi moi do agrado do noso artista, sabedor de que xa non podería el facer esta viaxe trasatlántica. Aquel Baldo que correu polas corredoiras soñando con mares, barcos e viaxes foi intepretado polo neno de catro anos Alberto Seivane Castañeda.

11751956_971809866173486_7863158665776065726_n

Publicado en El Correo Gallego (07-08-15)

Advertisements