AS VACACIÓNS DE AGOSTO

3743315Agosto é o mes oficial das vacacións, aínda que haxa familias e persoas que non poden gozar do que a degradación da economía que afecta a tantos fogares volveu facer un privilexio. Temos case obriga, xa que logo, de nos ocupar delas dalgún xeito e a xornalista que preparaba unha reportaxe quería saber como eran as dos meus primeiros dez agostos. Quédanme xa ben lonxe, pero son algúns dos anos que se gravaron con máis plasticidade, aínda que os contornos aparezan algo difuminados. Daquela, ás persoas que se achegaban polo verán á vila ancaresa chamábanlles veraneantes, que denotaba o ocio como unha excepcionalidade. Agosto pasábano laborando, grandes e pequenos: “O traballo dos pequenos é pouco/ e o que o perde é un louco” era refrán que se escoitaba das bocas da xente anciá. Daqueles traballos, que segue a facer a infancia empobrecida do terceiro mundo, sacabamos moitas aprendizaxes e eu nunca os cualificarei de negativos para min, senón todo ao contrario.

Só agora lle chamamos vacacións ao recordo do que se facía nos veráns. Pero, excepcionalmente, eu tiven vacacións agostiñas, acompañando a miña nai nos regresos temporais á benquerida Donostia, para onde quería volver. As estancias na casa duns amigos en boa posición mostráronme o Cantábrico, manso na praia da Concha e bravo na costa afastada. Temíalle ao baño, pero aquel medo non era nada comparado co toque dos sinos a defunto na vila que durante tres días me facían chorar e deixaban sen apetito. Por iso me gustaba estar con vecindade que non se enteraba polas badaladas de que había alguén morto. Tamén pasaba moito medo nas touradas. Os anfitrións insistían en que os acomapañaramos a unha por ano. A mente de rapaciña convencíame de que o encerrado era un home de vestido estraño ao que querían castigar cun touro que viña acabar con el. A maneira de defenderse era rara como o traxe, porque non escapaba. Eu pechaba os ollos para non ver a collida que consideraba inminente. Tras tal sufrimento, ver que o toureiro seguía vivo non me deixaba percatarme da realidade. Aquela visión con ollos inocentes sen preconceptos chamados culturais, converteume nunha abolicionista da diversión na quo o destinado a morrer con engano e sufrimento é o touro, aínda que tampouco os toureiros resulten sempre indemnes neste xogo de morte ao que eles si acoden de xeito voluntario.

Publicado en El Correo Gallego (14-08-15)

1027821_m

Advertisements