RECUPERAR PALABRAS

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Se as Academias das linguas teñen as palabras a bo goberno, definidas e coidadas, indo a modo para aceptar cambios que anticipan os usos, a Literatura é quen as fai máis operativas. Ela e non só, que están os medios de comunicación tan influíntes no seu uso. A diferenza está en que a Literatura adoita utilizar as palabras de xeito creativo, reflexivo e coidado, e os Media adoitan empregar un vocabulario moi estandardizado, non poucas veces empobrecido e non exento de estar a servir de transmisores de erros gramaticais, maiormente os que utilizan a oralidade. A creación literaria faise de vagar, pero a comunicación esixe inmediatez e na urxencia as correccións fanse con maior dificultade. Na descolocación dos nosos pronomes hai tal trafego de retroalimentacións que ata quen non os descolocou nunca pensa que o galego urbano é así e debe ser imitado. Mirando ao castelán, que copa practicamente estes medios, a construción impersoal do verbo haber sufriu unha alteración cada vez menos chocante por frecuente: “Habían dos mil personas”.

As escritoras e os escritores traballan coas palabras e deben posuír o maior número posible delas para arriquecer os textos elevándoos da planicie que están a sufrir as linguas. Cervantes empregou en El Quijote máis de metade das palabras do castelán da época. Miguel Delibes introduciu na súa obra a seiva que conserva o pobo no léxico patrimonial. Os nosos clásicos foron exemplo de recopilación dunha lingua sen tradición inmediata escrita, exercendo un papel imprescindible para a súa conservación e conversión en lingua de cultura. O noso léxico, tanto en palabras como en fraseoloxía, ten moito vigor, pero sabemos que con cada persoa anciá que fai o tránsito final se perde un diccionario enteiro. O necesario proceso de estandarización da lingua corre o perigo de unificala e empobrecelas poñendo en xogo un número reducido de palabras. Quen aprenderon a lingua galega no peito materno teñen a posibilidade de inxectar na súa obra ese vocabulario en desuso por desaparición da actividade do rural que o sustentaba, incorporándoo á expresión con novos usos metafóricos. A vitalidade e riqueza da lingua é aínda moi forte. Os escritores e as escritoras que a coñecen ben deben salvar un patrimonio ben diverso e en perigo, dentro do perigo xeral que está a correr o noso idioma.

Publicado en El Correo Gallego (21-08-15)

Advertisements